Nova: Román Rodríguez celebra o avance na restauración da catedral de Ourense logo de investir 2,7 M€ e anuncia para abril o inicio dos traballos no ciborio
03/03/2023
Román Rodríguez celebra o avance na restauración da catedral de Ourense logo de investir 2,7 M€ e anuncia para abril o inicio dos traballos no ciborio
A actuación que está a piques de rematar na fachada occidental permite mellorar a conservación, solucionar os problemas de humidade e realzar a contemplación do Pórtico do Paraíso grazas a unha nova iluminación
Co fin de garantir a protección e conservación deste BIC, o Goberno galego ten previsto poñer en marcha novas obras o vindeiro mes a través do Plan Catedrais
A folla de ruta para garantir que os complexos catedralicios cheguen á celebración do Xacobeo 2027 nas mellores condicións recollen case 7M€ para San Martiño
Ourense, 3 de marzo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, visitaron hoxe o remate das obras na parte occidental da catedral de San Martiño de Ourense. O responsable autonómico celebrou o bo avance da restauración impulsada pola Xunta de Galicia e anunciou o inicio dos traballos no ciborio e fachada sur o vindeiro mes de abril a través do Plan Catedrais de Galicia 2021-2027.
Durante a súa visita, na que tamén participou o delegado territorial da Xunta na provincia, Gabriel Alén, o responsable autonómico de Cultura destacou o “firme compromiso do Goberno galego con este Ben de Interese Cultural no que leva investidos preto de 2,7 millóns de euros desde o ano 2015 con actuacións como as feitas na rexería, púlpitos e sancristía ou a que estamos a piques de rematar”.
Esta última intervención, tal e como explicou, contou cun investimento de case 350.000 € para, entre outros aspectos, mellorar a conservación de diversas zonas do conxunto catedralicio, solucionar algunhas das patoloxías prioritarias do templo como os problemas de humidade e realizar a contemplación do Pórtico do Paraíso grazas a unha nova iluminación.
“Ademais da importancia relixiosa e cultural, as catedrais xogan un papel fundamental no desenvolvemento do territorio no que se atopan e a catedral de San Martiño non é unha excepción”, afirmou Román Rodríguez antes de engadir que o obxectivo da Xunta de Galicia é que estes bens “continúen sendo unha testemuña da nosa identidade”.
Para facelo, a Administración autonómica puxo en marcha o Plan Catedrais Galicia 2021-2027, unha folla de ruta dotada con 38M€ para garantir que os bens máis senlleiros da Comunidade cheguen á celebración do vindeiro Ano Santo de 2027 nas mellores condicións. “É unha ferramenta útil que, seguindo o exemplo da Catedral de Santiago, senta as bases para blindar a conservación dalgúns dos recursos culturais máis importantes que temos na nosa Comunidade”, declarou.
Así, no caso da catedral de San Martiño, á que se referiu como “unha das maiores xoias da Vía da Prata”, a Consellería de Cultura ten previsto unha achega de preto de 7M€ en sete actuacións como a que a se porá en marcha no ciborio e fachada sur do templo co fin de garantir a protección e conservación do monumento. “Estamos ultimando o proceso de adxudicación e agardamos que as obras comecen en abril”, precisou.
Estes traballos contarán cunha duración aproximada de cinco meses e están dirixidos a mellorar as condicións de conservación da fachada e a eliminar as filtracións de auga que afectan á zona do ciborio e que están a provocar problemas de arenización na pedra e aumento da presencia de sales. Ademais, tamén se mellorará o sistema de evacuación de augas pluviais e de ventilación e se solucionarán os problemas de estanquidade nas fábricas.
No tocante á fachada sur, os traballos centraranse en limpar de conolonizacións biolóxicas e sucidade a pedra e en cambiar os rexuntados de morteiro de cemento por uns de cal. Igualmente, actuarase nos beirís, cornixas e cubertas do tellador para minizar o impacto da auga na fachada e mellorarase a carpintaría da vidrera