Nova: Redondela abre con Magical Girl a súa carteleira de Cinemas de Galicia
30/03/2015
Redondela abre con Magical Girl a súa carteleira de Cinemas de Galicia
O Auditorio da Xunqueira proxectará tamén ata o 26 de xuño os títulos ‘Ida’, ‘O ouro do tempo’, ‘Meu Deus, pero que che fixemos?’, ‘9 ondas’ e ‘Inevitable’
A programación posibilitará ver o mellor cinema galego e internacional na localidade
Redondela (Pontevedra), 30 de marzo de 2015.- O Auditorio da Xunqueira de Redondela incorpórase o próximo 10 de abril coa proxección da película ‘Magical Girl’ ao circuíto ‘Cinemas de Galicia’, a rede municipal de exhibición cinematográfica impulsada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para incrementar o número de pantallas de exhibición en Galicia.
Así, nas vindeiras semanas e ata o 26 de xuño, a localidade pontevedresa acollerá unha programación na que, ademais da premiada fita de Carlos Vermut protagonizada por Bárbara Lennie, se inclúen outros cinco filmes do actual panorama audiovisual galego e internacional: ‘Ida’, de Pawel Pawlikowski (17 de abril); ‘O ouro do tempo’, de Xavier Bermúdez (15 de maio); ‘Meu deus, pero que che fixemos?’, de Philippe de Chauveron (22 de maio); ‘9 ondas’, de Simone Saibene (19 de xuño); e ‘Inevitable’, de Jorge Algora (26 de xuño).
‘Cinemas de Galicia’ está a iniciar un novo período de actividade tras a experiencia piloto desenvolvida a finais do pasado ano xunto aos concellos do Carballiño, Foz, As Pontes e Sanxenxo. Neste arranque da programación de 2015, Ortigueira, Verín e Redondela súmanse á iniciativa, que amplía así a sete os seus municipios colaboradores e a 1.969 o total de butacas en localidades galegas que non contan con salas comerciais.
Catálogo de 27 películas
Este proxecto busca ofrecerlles novas posibilidades de distribución aos filmes galegos que se atopan en fase de explotación comercial. Deste xeito, ponse a disposición dos programadores municipais un catálogo de 27 películas, das que 16 son títulos galegos de moi diferentes xéneros e as 11 restantes, producións españolas e europeas. Os concellos comprométense a que cando menos a metade dos títulos programados en 2015 sexan de produción galega.
A programación de Redondela foi presentada hoxe na Casa de Cultura da localidade nun acto no que o primeiro tenente de alcalde, Miguel Ángel Álvarez Ballesteros, o concelleiro de Cultura, Julio C. Alonso, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, explicaron as finalidades e funcionamento do programa, así como o contido concreto da carteleira que ocupará o Auditorio da Xunqueira en sesións que serán os venres ás 21:00 horas e ás que se poderá acceder por un prezo único de 3 euros.
Na súa intervención, o director da Agadic sinalou que ‘Cinemas de Galicia’ é unha iniciativa necesaria, coa que se contribúe á promoción das obras galegas no noso territorio xunto con outros títulos nacionais e internacionais avalados por festivais e premios. “Pretendemos, deste xeito, un achegamento do público ao cine como manifestación cultural e, ao mesmo tempo, unha percepción do audiovisual feito en Galicia contextualizado dentro das restantes cinematografías do mundo, ademais de recuperar o hábito de ver cine na gran pantalla”, declarou.
Jacobo Sutil trasladoulle tamén os parabéns ao Concello de Redondela pola súa implicación neste programa e convidou a todos os veciños e veciñas da localidade a que gocen dos títulos seleccionados para eles polos responsables municipais.