Nova: A Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego impulsan dúas novas creacións escénicas inspiradas en Antígona, Rosalía de Castro e sor Juana Inés de la Cruz

11/03/2023

A Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego impulsan dúas novas creacións escénicas inspiradas en Antígona, Rosalía de Castro e sor Juana Inés de la Cruz

As dúas marxes de Antígona’ reencarna en catro actrices de Galicia, Uruguai e Portugal á protagonista da traxedia de Sófocles para falarnos desde o presente de democracia, de xénero e de liberdade



Dirixida polo dramaturgo uruguaio Iván Solarich, director artístico de El Mura, será representada na Cidade da Cultura os días 17 e 18 de marzo

 

O ciclo da Xunta péchase os días 23 e 24 de marzo co díptico ‘Canta máis luz, máis sombra’, a partir do diálogo cruzado entre o Centro Dramático Galego e a Compañía Nacional de Teatro de México, e o legado literario das poetas mexicana e galega

 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2023 O ciclo Clásicas Desfeitas, impulsado pola Xunta de Galicia a través do Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura, programa este mes de marzo dúas pezas de nova creación coa muller como figura central. Antígona, protagonista da traxedia de Sófocles, e as autoras fundacionais da literatura mexicana e galega, sor Juana Inés de la Cruz e Rosalía de Castro, son a fonte de inspiración para os volumes 6, 7 e 8 do ciclo, que permite ao público redescubrir clásicos da literatura a través doutras disciplinas artísticas e cunha ollada contemporánea.

Antígona viaxa desde a Grecia antiga ao noso presente reencarnada en catro artistas de Galicia, Uruguai e Portugal —Mercé de Rande, María Eugenia Margalef, Clara Cunha e Inês Minor—, guiadas polo dramaturgo uruguaio Iván Solarich, director artístico de El Mura. As dúas marxes de Antígona é o título desta renovada proposta construída a partir dun diálogo de saberes teatrais entre América e Europa, no que se tecen as historias de mulleres que desafían a orde establecida para falarnos de democracia, xénero e liberdade.

As representacións de As dúas marxes de Antígona —volume seis de Clásicas Desfeitas— serán os días 17 e 18 de marzo ás 20,30 horas na Sala Eisenman da Cidade da Cultura. A obra é froito do apoio do programa de Residencias Artísticas do Gaiás e a colaboración do Centro Dramático Galego, a Cidade da Cultura de Galicia, o Festival Internacional de Teatro do Alentejo a través de Léndias d’Encantar, o Instituto Nacional de Artes Escénicas de Uruguai e a compañía cubana Teatro D’ Dos.

Canta máis luz, máis sombra

Os volumes sete e  oito do ciclo ciméntanse no legado literario de sor Juana Inés de la Cruz e de Rosalía de Castro, escritoras que desafiaron, tanto nas súas traxectorias vitais como na súa escrita, as limitacións impostas á muller polos roles de xénero imperantes na sociedade.

Recollendo o espírito rebelde, o fondo intelectual e a forza renovadora que transmiten, séculos despois, ambas autoras, o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e a directora da Compañía Nacional de Teatro de México, Aurora Cano, dan forma a o díptico Canta máis luz, máis sombra, un intercambio artístico no que participarán actrices e actores de ambos lados do Atlántico.

Aurora Cano levará á escena a súa interpretación contemporánea sobre os textos da poeta de Padrón, cun elenco de artistas galegos. Pola súa parte, Fran Núñez será o encargado de conducir sobre o escenario ás actrices e actores da compañía mexicana para traer aos nosos días a sor Juana Inés, unha das figuras máis destacadas das letras hispanoamericanas do século XVII.

A Cidade da Cultura acolle a ambos equipos como parte das súas residencias artísticas deste 2023. O resultado de Canta máis luz, máis sombra darase a coñecer ao público en dúas funcións os días 23 e 24 de marzo, ás 20,30 horas, no Edificio Fontán do Gaiás.

As entradas para asistir ás dúas obras do ciclo Clásicas Desfeitas estarán á venda a semana próxima a un prezo de 9 euros máis gastos de xestión, no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.

Comparte