Nova: A Xunta finaliza un ano dedicado a Laxeiro coa clausura en París da mostra Foi un home, despois do seu paso por Galicia e Madrid con máis de 16.000 visitas
13/03/2023
A Xunta finaliza un ano dedicado a Laxeiro coa clausura en París da mostra Foi un home, despois do seu paso por Galicia e Madrid con máis de 16.000 visitas
A exposición itinerante ‘Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970)’ comezou o seu percorrido en abril do pasado ano en Lalín e remata este luns no Instituto Cervantes da capital francesa, por onde pasaron máis de 1.000 persoas
A restrospectiva, que tamén puido verse na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid e no Museo Gaiás en Santiago, cumpre o seu obxectivo de poñer en valor o legado dun dos pintores máis relevantes do século XX
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia pon o colofón no Instituto Cervantes de París a un ano de reivindicación do legado de Laxeiro, un dos pintores galegos máis relevantes do século XX e figura destacada da vangarda pictórica española. Hoxe finaliza na capital francesa o percorrido da exposición itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), que sumou nesta última estadía internacional, entre o 27 de xaneiro e o 13 de marzo, máis de 1.000 visitantes.
A iniciativa da Xunta de Galicia –organizada a través da Fundación Cidade da Cultura e co apoio do Concello de Lalín– xurdiu despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidira dedicarlle a Laxeiro no 2022 o Día das Artes e viuse reforzada coa implicación do Instituto Cervantes de París e da Embaixada de España en Francia, ademais da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid, unha das institucións culturais máis lonxevas de España da que o propio pintor foi alumno.
A mostra inaugurouse simbolicamente na terra natal de Laxeiro, en Lalín, acadando entre abril e xuño de 2022 máis de 2.000 visitantes. Tras esta estadía, permaneceu entre xuño e xullo na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, onde recibiu 1.948 visitas. Entre setembro e decembro pasaron polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para ver a retrospectiva 11.374 persoas.
A escolma de pezas recolleu a evolución de Laxeiro durante os 20 anos nos que se instalou en Buenos Aires, considerada a súa etapa de madurez, na que realizou algunhas das súas obras máis destacadas achegándose ao expresionismo abstracto. A exposición, comisariada polo historiador da arte e ensaísta, Carlos L. Bernárdez, presentou así un fiel reflexo dunha época na que o artista estivo condicionado polo contacto cun mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego do exilio en América.