Nova: Publícase a memoria de actividades da Xunta no eido da cultura durante 2014

30/03/2015

Publícase a memoria de actividades da Xunta no eido da cultura durante 2014

O texto debulla o traballo realizado no ámbito transversal da cultura desde o Goberno galego durante este ano

A memoria ofrece á cidadanía unha explicación detallada do traballo feito e, así mesmo, configúrase como ferramenta para a autoavaliación

  • Memoria de Actividades de Cultura 2014 Memoria de Actividades de Cultura 2014

Santiago, 30 de marzo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou hoxe a ‘Memoria de actividades de Cultura da Xunta de Galicia 2014’, na que se ofrece un resumo informativo das actuacións promovidas durante este ano no ámbito transversal da cultura. Trátase dunha publicación que permite coñecer as iniciativas, actividades e programación concreta promovida, impulsada ou participada polo Goberno galego. A obra edítase en prol da transparencia e ofrécelle á cidadanía unha explicación detallada do traballo e dos resultados acadados neste ámbito e, así mesmo, constitúese como unha potente ferramenta para a autoavaliación, á procura da mellora continua das políticas culturais postas en marcha pola Xunta de Galicia.

As liñas de actuación en 12 capítulos
A memoria ofrece o relato das liñas de actuación estruturadas en doce capítulos nos que se abordan as estratexias e actuacións destacadas do último ano no sistema bibliotecario e arquivístico; na protección e conservación do patrimonio cultural; na proxección da creación plástica e visual, por unha banda, e das artes escénicas e musicais, pola outra; na difusión e apoio ao libro galego e á literatura; nos eidos da democracia e a democratización cultural; nas celebracións e efemérides de 2014; nas accións da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Cidade da Cultura; e na internacionalización e proxección exterior.

A publicación dá conta de abondosas actuacións e iniciativas novas, como a plataforma GaliciaLe de préstamo de libro electrónico nas bibliotecas de xestión autonómica, que puxo ao dispor dos usuarios máis de 1.700 títulos en formato electrónico; o programa Venres nas librarías, para a dinamización do comercio do libro; as programacións teatrais de intercambio con Portugal; ou a nova Axenda de Cultura de Galicia, unha potente ferramenta cidadá de información permanente nas redes da oferta de espectáculos e eventos culturais.

Finalmente, a memoria ofrece como anexos a estrutura da Consellería e a relación das convocatorias realizadas polo departamento de Cultura e Educación con cargo aos orzamentos de 2014, nas que se pode ver dun xeito sintético cales son as liñas de axuda pública no ámbito cultural da Xunta de Galicia.

Das bibliotecas á internacionalización, un percorrido completo
Inaugúrase a memoria cun capítulo dedicado ao Sistema Bibliotecario de Galicia. A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, o conxunto organizado de servizos bibliotecarios públicos, integra a un total de 398 bibliotecas e axencias de lectura. Os últimos datos estatísticos, correspondentes ao ano 2013, fálannos de que a colección total da Rede ascende a 5.370.750 documentos (o que supón un incremento dun 4,56% respecto a 2012), que o número de préstamos cífrase en 2.497.349 (un 1,99% máis respecto ao ano anterior), que se celebraron un 14,47% máis de actividades (cun total para toda Galicia de 14.536) e que a cifra total de usuarios da rede se situou nos 820.930 (o que supón un incremento dun 17,48%).

Protección do Patrimonio cultural e artístico
No marco dos arquivos, ao que se lle dedica o capítulo segundo, a principal novidade de 2014 veu dada pola publicación da nova Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia. A primeira norma específica para desenvolver as súas competencias nesta materia, que regula, por primeira vez no ámbito da nosa Comunidade, o papel dos arquivos no medio electrónico.

As tarefas de protección, conservación, difusión e estudo do patrimonio cultural galego e múltiples actuacións de restauración ocupan un lugar central nas políticas da consellería, descritas no terceiro capítulo. No caso dos Camiños de Santiago, rematáronse os procesos de delimitación do Camiño Inglés e do Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa. Así mesmo, aprobouse que se declarara ben de interese cultural o conxunto de Sargadelos, no concello de Cervo (Lugo).

Entre as diversas actuacións arqueolóxicas e sobre o patrimonio artístico e arquitectónico detalladas na memoria, pódese destacar a apertura pública no mes de marzo do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las, nos concellos de San Amaro e Punxín (Ourense). Ademais para coñecer e valorar o noso patrimonio desenvolvéronse distintos programas e actuacións como Espazos Sonoros ou Monumenta, difusión do patrimonio restaurado, entre outros.

Dos museos ás artes escénicas
Este ano viu a luz o novo espazo na rede dedicado aos museos galegos: museos.xunta.es, que ofrece unha información detallada da rede e, particularmente, dos museos xestionados pola consellería: o Museo de Belas Artes da Coruña, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo Massó, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo do Castro de Viladonga, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, o Museo do Mar de Galicia e o Museo Pedagóxico de Galicia. Ademais das exposicións permanentes realizáronse preto de 30 exposicións temporais e a cifra de visitantes dos museos xestionados pola consellería en 2014 ascendeu a 277.113, un 7,7% máis que en 2013. Todos estes datos poden consultarse ampliada e pormenorizadamente nos capítulos cuarto e quinto da memoria.

No eido da proxección das artes escénicas e musicais (capítulo 6), a Xunta de Galicia desenvolve diversas liñas de traballo para favorecer o tecido cultural arredor da música, o teatro, a danza, o novo circo ou a maxia. Toda esta actividade (Ciclo do Audible, Festival Via Stellae, MOV-S, ALT.procrea etc.) é accesible desde 2014 na Axenda Cultura de Galicia: www.cultura.gal/axenda. Trátase da primeira axenda conxunta cultural e de carácter público na que o usuario pode facer filtrados, crear a súa propia axenda personalizada e exportala á súa páxina web adaptando a súa aparencia.

Libro galego, lingua galega e desenvolvemento cultural
Este ano a Xunta abriu novas canles de apoio ao sector do Libro galego a través de novos programas como Venres nas librarías ou a posta por promover a ampliación dos títulos dixitais en galego. Segundo os datos da Axencia do ISBN na nosa comunidade pasamos de 2.083 títulos do 2013 a 2.274 en 2014. No caso da edición dixital, apareceron no mercado galego neste ano 483 obras electrónicas, fronte aos 208 títulos en formato electrónico 2013. Unha información máis procelosa sobre a difusión e apoio ao libro galego e á literatura atópase no capítulo sétimo.

Á procura de poñer a cultura ao alcance de todos (capítulo 8), a Xunta de Galicia conta cun conxunto de programas de apoio á rede de entidades culturais e impulsa a Rede de Dinamización Lingüística. Ademais, o Goberno galego propuxo no 2014 diversas iniciativas de integración social nas artes, a través de festivais como Igualarte, ou de encontros como o de Artes pola Integración. A promoción dos novos creadores, grazas a iniciativas como Xuventude Crea, e a convocatoria de diversos premios e certames para a posta en valor da creatividade completa este panorama que incide nos procesos de democracia e democratización cultural.

A maiores, a Xunta de Galicia encabeza desde o pasado 25 de xullo os enderezos pioneiros con dominio galego puntoGAL, cos webs dedicados á lingua (lingua.gal) e á actividade cultural (cultura.gal).

As nosas conmemoracións, as nosas industrias culturais
Entre as efemérides e conmemoracións máis importantes de 2014 (capítulo 9) pódense destacar a programación das Letras Galegas dedicadas a Díaz Castro, os 25 anos da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), o 125º aniversario do nacemento de Francisco Asorey, o centenario de Cortazar, o 250º aniversario do pasamento do Padre Feijoo ou o bicentenario de Frei Rosendo Salvado, entre outros. Por outra banda, a Xunta de Galicia convoca varias distincións para recoñecer a excelencia no ámbito creativo, ademais de participar e colaborar noutros premios promovidos por distintas entidades e institucións.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, encargada de desenvolver liñas de actuación para o impulso e a consolidación do tecido cultural galego e asentar unha industria cultural innovadora e competitiva, promove a proxección exterior das empresas galegas dos sectores audiovisuais, musicais e escénicos. Todas as políticas de apoio das artes escénicas e musicais, medidas de impulso do audiovisual galego e iniciativas de formación sectorial e apoio ao emprendemento, así como a difusión da oferta cultural en rede e a actividade dos centros propios: Centro Dramático Galego (CDG), Centro Coreográfico Galego (CCG) e Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), poden consultarse no capítulo 10.

O Gaiás e a internacionalización
Os tres eixes transversais do modelo de desenvolvemento da Cidade da Cultura: a cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, deron pé á actividade que queda reflectida no capítulo once desta publicación. Durante 2014, a Cidade da Cultura recibiu 448.201 visitantes e, a través de Acción Cultural, leváronse a cabo 196 actividades, que contaron cunha participación total de 100.288 persoas.

Finalmente, no ámbito da internacionalización e a proxección exterior (capítulo 12) cómpre mencionar que no sector das industrias culturais un dos acontecementos máis relevantes deste ano en termos de proxección internacional foi o Womex, que congregou a 2.400 delegados, xerou 400 postos de traballo e deixou en Galicia preto de 3 millóns de euros. Tamén as accións de proxección exterior do libro galego nas principais feiras internacionais do ámbito literario tiveron bos resultados en termos de acordos de edición e cesión de dereitos noutros mercados.

Comparte