Nova: A Xunta investirá máis de 700.000 € na restauración da igrexa do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en Guntín

16/03/2023

A Xunta investirá máis de 700.000 € na restauración da igrexa do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en Guntín

As actuacións teñen como obxectivo fundamental solucionar os problemas de humidade e colonización biolóxica presentes na igrexa

Tamén se restaurará o coro, a portada e a reixa, e renovarase a instalación eléctrica e de iluminación
 

Guntín (Lugo), 16 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia investirá arredor de 700.000€ na restauración da igrexa do Mosteiro de Ferreira de Pallares, no concello de Guntín. A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron hoxe este ben, declarado Ben de Interese Cultural, para comprobar o seu estado. A licitación da actuación está prevista para as próximas semanas.

“Trátase dun forte investimento que se enmarca no compromiso do Goberno galego coa conservación do patrimonio artístico e cultural, cun aumento do 14% nos Orzamentos para este fin”, explicou a directora xeral. “Este é o ben máis senlleiro do concello de Guntín, ademais dunha igrexa moi salientable no Camiño Primitivo, que queremos conservar nas mellores condicións para as próximas xeracións”, engadiu.

As actuacións previstas teñen como obxectivo fundamental solucionar os problemas de humidade e colonización biolóxica presentes na igrexa. Para iso cambiarase a cuberta, recuperando a estrutura de madeira, restauraranse as carpinterías e executarase un sistema de drenaxe efectivo ata o nivel dos alicerces, para evitar que o subsolo se vexa moi afectado coas fortes escorrentías de auga e mitigar a presenza de humidade no pavimento interior da igrexa.

Así mesmo, acometerase a limpeza da fábrica de pedra, eliminando as colonizacións biolóxicas, así como os rexuntados con morteiro de cemento, que se substituirán por uns novos de morteiro de cal. A maiores, e dado o seu deterioro actual, restaurarase tanto o coro como a portada e a reixa e renovarase a instalación eléctrica e o sistema de iluminación do templo.

Templo románico

De orixe prerrománico, o mosteiro de Ferreira de Pallares pasou a mans dos monxes bieitos, sendo anexionados ao de Samos en 1517. Ata o século XIX permaneceron como priorado, converténdose, a raíz da exclaustración, en parroquia da Diocese de Lugo. Nos séculos XII e XIII abundan as doazóns feitas ao mosteiro, que gozaba ademais da protección real e papal, o que xustificou a construción dun templo románico de amplas proporcións.

A igrexa consta dunha nave rectangular dividida en catro tramos por tres arcos apuntados que se corresponden no exterior con grosos contrafortes. A bóveda de canón que cubre a ábsida semicircular serve de sostén ao arco triunfal, de medio punto, dobrado e peraltado. No interior da ábsida ábrense tres ventás, pouco visibles coa colocación do retablo barroco. A nave cóbrese con teitume de madeira sobre arcos apuntados que descansan en capiteis de decoración vexetal. No muro sur hai un arco apuntado que da acceso a una capela funeraria gótica con enterramentos da familia Taboada.

Os restos pictóricos do interior da igrexa están datados no século XVI. O exterior destaca polo seu escalonamento volumétrico e polos canzorros do beirado decorados con figuras humanas, animais e motivos xeométricos e vexetais.

A porta norte presenta unha dobre arquivolta de medio punto cun tímpano liso, mentres que a sur -aberta ao claustro do século XVI- consta dun tímpano decorado coa iconografía do Agnus Dei con cruz, un tema frecuente no románico galego de principios do século XIII. A porta principal caracterízase por unha tripla arquivolta lixeiramente apuntada e columnas acobadadas.

 

Comparte