Nova: Román Rodríguez pon o foco no talento e a profesionalidade do cinema galego na preestrea de Matria en Vilanova
16/03/2023
Román Rodríguez pon o foco no talento e a profesionalidade do cinema galego na preestrea de Matria en Vilanova
A Illa de Arousa e A Coruña acollerán tamén cadanseu pase especial antes da súa chegada ao circuíto comercial de salas o vindeiro 24 de marzo
A Xunta, que leva apoiando este proxecto desde hai varios anos, realizou unha achega de 260.000€ á súa produción como longametraxe
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 16 de marzo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu este serán en Vilanova de Arousa á preestrea de Matria, primeira longametraxe do director vigués Álvaro Gago, que supón a súa primeira proxección pública en Galicia tras a súa aplaudida estrea mundial na Berlinale e a súa presentación o pasado sábado no Festival de Málaga.
O titular de Cultura do Goberno galego, xunto co director da Axencia Galega das Industrias Culturais, acompañou o equipo do filme de Matriuska Produciones, realizado con subvención da Xunta, neste pase no Auditorio Valle-Inclán, ao que lle seguirán cadansúa proxección especial na Illa de Arousa e na Coruña antes da súa chegada ás salas comerciais o vindeiro 24 de marzo.
Román Rodríguez felicitou a Álvaro Gago e ao resto do equipo polas boas sensacións das súas estreas nos devanditos festivais e puxo Matria como exemplo do talento e a profesionalidade do cinema galego, que “con máis de 30 anos de traxectoria, vive un momento de madurez e desenvolve a súa actividade nunha contorna local pero integrado na cinematografía, na política audiovisual e no modelo de negocio global”, sinalou.
Singularidade creativa con vocación universal
Neste mesmo sentido, engadiu a “singularidade creativa con vocación universal” como un dos factores que están a contribuír ao gran momento que vive o noso audiovisual, xunto coa contrastada solvencia das produtoras galegas e a gran demanda de contido de ficción impulsada sobre todo polas plataformas. “Matria constitúe o mellor exemplo para entender que unha narración pode transcender fronteiras independentemente do xeito e do idioma no que se conte”, subliñou.
Román Rodríguez referiuse, así mesmo, ao programa de subvencións ao cinema e á televisión a través do que a Xunta de Galicia acompaña economicamente a creadores e empresas nas diferentes fases do proceso audiovisual, desde a súa orixe como proxectos ata a súa chegada ás pantallas.
Apoio no camiño desde a curta á longametraxe
É o caso de Matria, para a que Matriuska contou cunha achega autonómica de 260.000 euros a través da convocatoria para producións e coproducións audiovisuais de 2020. Con ela, Álvaro Gago dá o salto á longametraxe retomando a historia da protagonista da súa aclamada curtametraxe homónima, para a que tamén dispuxo do apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades por medio das axudas para a promoción do talento audiovisual e para a súa difusión en destacados festivais internacionais. Entre eles, o estadounidense de Sundance, onde recibiu o gran premio do xurado en 2018.
Na longa, a actriz galega María Vázquez dálle vida a Ramona, quen vive sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible ata que coñece a Xosé, co que constrúe unha inusual e esperanzadora amizade. Completan o elenco interopretativo Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha Tatán, Susana Sampedro e Francisa Iglesias, protagonista da curta e da historia real na que se inspiran ambos os traballos.
O Salnés e Pontevedra concentraron as localizacións desta película, que Matriuska coproduce xunto á madrileña Avalon e para a que contou coa participación de Elástica Films, Ringo Media e Felicidad la Película AIE.