Nova: Responsables de museos picassianos de España e Francia recalarán o día 24 no Museo de Belas Artes para ofrecer novas perspectivas da obra do artista
17/03/2023
Responsables de museos picassianos de España e Francia recalarán o día 24 no Museo de Belas Artes para ofrecer novas perspectivas da obra do artista
Contarase, entre outros, co director artístico do Museo Picasso de Málaga, a responsable de dixitalización das coleccións do Museo Nacional Picasso-París, o director de restauración do Museu Picasso de Barcelona e un dos seus biógrafos
Está aberto o prazo para inscribirse nesta actividade, destinada a público xeral, con asistencia gratuíta ata completar aforo
Completa a mostra ‘Picasso branco no recordo azul’ pola Xunta que se inaugurará o 23 de marzo para afondar na pegada galega na obra do artista
A Coruña, 17 de marzo de 2023
Reputados expertos e responsables de museos picassianos de España e Francia recalarán o vindeiro venres 24 de marzo no Museo de Belas Artes da Coruña para participar na Xornada Picassiana. Os museos como centros de investigación, unha iniciativa da Xunta de Galicia deseñada e coordinada polo equipo técnico do Museo na que ofrecerán novas perspectivas da obra e traxectoria do pintor, como os seus vínculos coa arte alemá, o proceso creativo da súa etapa de mocidade, a súa formación literaria ou o seu paso pola Escola de Belas Artes da Coruña.
A actividade enmárcase no contexto da gran exposición Picasso branco no recordo azul, que se inaugurará un día antes na Coruña e que é a única mostra galega incluída na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.
A Xornada Picassiana está destinada a público xeral. A asistencia é gratuíta ata completar aforo e os interesados poden inscribirse no enderezo actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal. Desenvolverase desde as 9,00 da mañá e dará comezo coa participación dos tres comisarios da exposición Picasso branco no recordo azul: Malén Gual, Rubén Ventureira e Antón Castro.
Programa da xornada
A continuación, será a quenda de José Lebrero Stals, director artístico do Museo Picasso de Málaga, que falará da arte alemá e Picasso. O arquitecto e catedrático de Composición da Universidade da Coruña José Ramón Soraluce impartirá o relatorio O instituto e a cidade dos Picasso. O Museu Picasso de Barcelona estará representado pola súa directora de restauración Reyes Jiménez, que falará do proceso creativo desde a mirada da ciencia. Tamén se contará coa participación de Violette Andrés, responsable dos fondos fotográficos e programas de dixitalización das coleccións do Museo Nacional Picasso-París, que explicará o vínculo de Picasso coa fotografía. Pablo Picasso: a formación literaria dun poeta recén nacido é o relatorio que ofrecerá Rafael Inglada, poeta, editor e biógrafo de Picasso que actualmente traballa na Casa Natal Museo de Málaga. Finalmente, a directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, Elena Pardo, abordará a formación académica do artista malagueño.
Ademais centrarse na obra de Picasso, as xornadas visibilizarán o papel fundamental dos museos como centros de documentación e investigación, así como de interrelación e intercambio con outras institucións.
Conmemoracións oficiais
O 8 de abril de 2023 cúmprese o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.
Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.
A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.
O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.