Nova: As 68 obras de Picasso para a exposición que impulsa a Xunta xa están no Museo de Belas Artes da Coruña
18/03/2023
As 68 obras de Picasso para a exposición que impulsa a Xunta xa están no Museo de Belas Artes da Coruña
O equipo técnico do museo está a supervisar a chegada das pezas baixo condicións de seguridade e en coordinación coas máis de 30 entidades prestatarias
A mostra, que será inaugurada o xoves 23 e abrirá as súas portas ao día seguinte, afonda na pegada galega na obra do artista a través de máis dun centenar de pezas
O equipo técnico do Museo está a coordinar os traballos e supervisando a chegada de pezas baixo condicións de seguridade en coordinación coas institucións prestatarias. En total, son 35 as institucións nacionais e internacionais, así como coleccionistas privados, que ceden pezas como o Museo Picasso de Barcelona, a Fundación Almine y Bernard Ruiz-Picasso para el Arte (FABA), Musée National Picasso-París, Museo Picasso de Antibes, Museo Reina Sofía, Museo Picasso de Málaga, Museo Casa Natal de Picasso de Málaga, ABANCA, Concello da Coruña, Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, Deputación da Coruña, Fundación Camilo José Cela, Fundación Museo do Gravado e a estampa de Artes de Ribeira, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e Museo da Universidade de Navarra.
A inauguración oficial será este xoves 23 de marzo e un día despois abrirá ao público. Será o punto de partida a varios meses repletos de actividades entorno a esta mostra, a única exposición galega da quincena que se poderá ver en España no programa internacional co que España e Francia planifican ao redor de 50 exposicións e eventos en Europa e América do Norte para lembrar ao artista medio século despois da súa morte.
Formada por máis de 100 pezas, das que preto de 68 son da autoría de Picasso, a exposición está comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, que desde marzo de 2021 traballaron de xeito conxunto coa directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas, e o equipo técnico-facultativo do museo.
Conmemoracións oficiais
O 8 de abril de 2023 cúmprese o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.
Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.
A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.
O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.