Nova: A Xunta ofrece o luns unha visita comentada á muralla de Lugo sobre os achados e a información que revelaron as últimas intervencións
18/03/2023
A Xunta ofrece o luns unha visita comentada á muralla de Lugo sobre os achados e a información que revelaron as últimas intervencións
Arqueólogos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural explicarán os traballos de restauración de varios cubos ou a musealización da galería que atravesa o monumento preto da porta do Bispo Odoario
Lugo, 18 de marzo de 2023 A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades celebrará a Semana da Administración Aberta ofrecendo unha visita comentada pola Muralla de Lugo para explicar os descubrimentos e a información que achegaron as intervencións executadas nos últimos anos no monumento.
A actividade realizarase o vindeiro luns, día 20, a partir das 17.00 horas, con saída desde a Delegación Territorial da Xunta en Lugo; está aberta a todas as persoas interesadas e será dirixida polo xefe do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Roberto Pena, e o arqueólogo Rubén Darío Álvarez.
Os técnicos exporán detalles sobre a musealización da galería atopada durante as obras de restauración do Cubo VI, xunto á porta do Bispo Odoario; as escaleiras romanas exhumadas no Cubo XIX, e interesantes achados debidos a outras actuacións como as dos Cubos VII e LXXX ou a da Porta Miñá, proxectos que sumaron preto de 1,2 millóns de euros de investimento.
Ademais, informarán dos traballos de mantemento e conservación ordinaria que se levan a cabo na muralla. Ao respecto, desde a primeira semana de marzo estase retirando a vexetación dos paramentos co obxectivo de finalizar o próximo mes, antes da chegada da colonia de cirrios que aniña neles.
A Consellería, como xestora deste ben Patrimonio da Humanidade, está tamén tramitando a contratación do Plan de conservación e xestión da nuralla, cun orzamento de licitación de 153.000 euros.
No caso de que o luns a climatoloxía impedira realizar o percorrido polo adarve, realizaríase unha sesión informativa no salón de actos da Delegación Territorial contando co abundante material gráfico recompilado durante as actuacións.
A Semana da Administración Aberta é unha iniciativa de ámbito mundial impulsada pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week) para achegar a acción administrativa á cidadanía, en aras de facilitar a transparencia e a participación cidadá. En España celebrarase entre os días 20 e 24 de marzo.