Nova: A Xunta conmemora o Día mundial da Poesía coa lingua e a cultura galega como eixe central

21/03/2023

A Xunta conmemora o Día mundial da Poesía coa lingua e a cultura galega como eixe central

O secretario xeral de Política Lingüística participa no encontro coorganizado coa Fundación Insua dos Poetas no Carballiño, con 300 escolares

O director xeral de Cultura súmase ás actividades da Asociación Évame-Oroza en Vigo

O Carballiño (Ourense)/Vigo, 21 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia celebra, como cada 21 de marzo, o Día mundial da Poesía poñendo como eixe a lingua e a cultura galega nos actos nos que participan o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no Carballiño (Ourense), e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, en Vigo.

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá no primeiro deles, que reuniu na Insua dos Poetas máis de 300 escolares de sete centros educativos da comarca do Carballiño. Nesta edición, a conmemoración incluíu o desvelamento dos murais artísticos dedicados a Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal e Valentín Lamas Carvajal, así como a plantación de árbores autóctonas. Ademais, estivo amenizada por actuacións musicais e por diferentes representacións do alumnado da comarca nun acto organizado pola fundación Insua dos Poetas, presidida por Luis González Tosar.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que a lírica sempre foi “terreo fértil para o cultivo da lingua galega e mesmo base sobre a que alicerzar a súa reivindicación e o seu crecemento cara a novos xéneros e espazos de uso, polo que conmemorar o Día da Poesía é tamén conmemorar o Día da Lingua, dalgún xeito”.

Pola súa banda, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistirá este serán aos actos desta celebración organizados pola Asociación Évame-Oroza de Vigo. 

Comparte