Nova: O Centro Dramático Galego preséntase por vez primeira no Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida con ‘Shakespeare en Roma’

22/03/2023

O Centro Dramático Galego preséntase por vez primeira no Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida con ‘Shakespeare en Roma’

O director do centro teatral da Xunta, Fran Núñez, participou no anuncio da 69ª edición do prestixioso certame, que ofrecerá dúas funcións desta produción galega os días 18 e 19 de xullo

A compañía institucional amplía a súa rede de colaboración con entidades e estruturas teatrais doutros territorios para impulsar a proxección exterior do noso teatro e dos seus profesionais

O espectáculo, que condensa os catro textos do gran dramaturgo inglés ambientados no Imperio Romano, pode verse ata o vindeiro 2 de abril no Salón Nobre do Pazo de Fonseca

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

O Centro Dramático Galego viaxará por primeira vez ao Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida para representar unha das súas producións propias, Shakespeare en Roma, que poderá verse no teatro romano da capital estremeña os días 18 e 19 de xullo. A programación completa da 69ª edición desta prestixiosa mostra foi anunciada hoxe mesmo no transcurso dun acto no que participou o director da unidade teatral da Xunta de Galicia, Fran Núñez, para dar conta do fito que estas actuacións suporán na traxectoria da compañía institucional galega a prol da proxección exterior do noso teatro e dos seus profesionais.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades amplía así a rede de colaboración con entidades e estruturas teatrais doutros territorios que está a manter a través do Centro Dramático Galego, coa súa recente presenza noutros festivais internacionais como o de Almagro, o de Maltepe en Estambul ou o do Alentejo en Portugal, ademais da súa implicación en dous proxectos europeos e noutros programas de intercambio que estenden a súa actividade a 13 países.

Ata o 2 de abril en Santiago

Shakespeare en Roma, que continúa en cartel ata o vindeiro 2 de abril no Salón Nobre do compostelán Pazo de Fonseca, ofrece un achegamento inédito e singular ás catro pezas que o gran dramaturgo inglés ambientou no Imperio Romano (Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra, e Tito Andrónico), condensadas en pouco máis de dúas horas a partir de catro olladas dramatúrxicas diferentes e levadas a escena por outros tantos equipos de dirección cun mesmo elenco de oito intérpretes.

Coa súa posta en escena no famoso teatro romano de Mérida, a compañía continuará afondando no ambiente e o espírito orixinal das obras asinadas polo gran dramaturgo británico, do mesmo xeito que está a facer en Santiago durante as súas representacións nun escenario pouco convencional como o Pazo de Fonseca, na que os espectadores se dispoñen nas cadeiras do Salón Nobre a modo de Senado romano.

Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado danlles vida aos 47 personaxes desta proposta baixo as direccións de Rui Madeira para a versión condensada de Coriolano polo autor ucraíno Volodymyr Snegurchenko, María Barcala e Xúlio Lago para a de Xulio César asinada por Ana Carreira, Sara Rey para a de Antonio e Cleopatra por Ana Abad de Larriva e Quico Cadaval para a de Tito Andrónico por Lorena Conde.

Pola súa banda, o dúo Saturna asina o deseño de vestiario; Xosé Lois Romero, o espazo sonoro, e Juanjo Amado, a iluminación, mentres que Keka Losada e José Díaz encárganse respectivamente da asistencia de dirección e de produción.

As entradas para as dúas últimas semanas de funcións en Santiago de Shakespeare en Roma, programadas de mércores a domingo ás 19,00 h., poden adquirise por adiantado na web www.entradasataquilla.com a un prezo de 10 euros, sobre o que se aplican os descontos habituais, e de 6 euros para os domingos, día do espectador. Cóntase ademais, cun despacho de billetes no Pazo de Fonseca, que abre ao público unha hora antes do comezo das representacións.

 

Comparte