Nova: A Xunta converte as torres Hejduk do Gaiás nun invernadoiro interactivo cunha instalación artística onde as plantas oscilan ou emiten sons

22/03/2023

A Xunta converte as torres Hejduk do Gaiás nun invernadoiro interactivo cunha instalación artística onde as plantas oscilan ou emiten sons

‘Fitotario’ é unha creación da artista visual viguesa Macarena Montesinos Fandiño, que poboa este espazo con plantas dotadas de sensores e dispositivos de infravermellos que as fan interactuar coas persoas visitantes ao seren tocadas

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca o diálogo entre natureza e tecnoloxía que vertebra esta instalación, coa que a Cidade da Cultura continúa a súa senda de intervencións artísticas en zonas verdes e espazos non convencionais

A instalación, que conta co patrocinio de Viaqua, devolve as Hejduk ao seu uso orixinal como torres botánicas e pode visitarse de balde ata o 6 de agosto

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura Fitotario, unha intervención artística que une tecnoloxía e natureza nunha experiencia inmersiva creada pola artista visual Macarena Montesinos Fandiño, en colaboración co artista sonoro Miguel Seoane. Coincidindo co arranque da primavera, este espazo do Gaiás recupera así temporalmente o seu uso orixinal como torres botánicas, transformándose nun invernadoiro interactivo que convida o público a experimentar coa propia instalación.

Especies vexetais que hoxe poboan os montes ou os agros galegos —desde fentos a lavandas, ou mesmo cabaceiras— e outras empregadas como plantas decorativas de interior convivirán ata o 6 de agosto na torre de cristal das Hejduk. Dotadas de sensores e infravermellos, as plantas oscilan ou emiten son cando son acariñadas, modulando a súa reacción en función de variables ambientais como luz, humidade ou temperatura.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou no acto de apertura “a sinxeleza e o enxeño co que esta instalación dialoga entre medio natural e creación tecnolóxica”. A vertente interactiva e inmersiva de Fitotario, explicou Anxo M. Lorenzo, conecta con outra programación do Gaiás destinada a pór en valor a arte dixital e tecnolóxica e evidencia tamén a capacidade dos creadores e creadoras para establecer xogos múltiples coas persoas visitantes “que se senten interpeladas pola obra, reinterpretándoa ao seu xeito persoal e pasan a ser tamén parte do proceso creativo”, engadiu.

No acto de apertura da instalación participaron tamén a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; os artistas Macarena Montesinos —autora da intervención— e Miguel Seoane —encargado de desenvolver a parte tecnolóxica e interactiva da mesma—, e Sonia Delpont, directora de Comunicación e Marketing de Viaqua. O proxecto conta co patrocinio desta entidade, ao igual que outras cinco intervencións realizadas previamente nas Torres Hejduk co vencello común das paisaxes culturais, a natureza e a concienciación ambiental: 2 Torres, 2 Camiños, do grupo Citerea; O perpetuo tránsito cara ao presente, de Miguel Moreno Mateos; Paisaxes incultas, de Cristina García Fontán —que este ano foi recoñecida nos Premios COAG do Colexio de Arquitectos de Galicia na categoría de Arquitecturas efémeras e Deseño—; Plástico a mareas, de María José Arceo; e Betula Pendula, de Martín Toimil.

O representante da Xunta de Galicia lembrou tamén que Fitotario non só contribúe a potenciar o vencello das Torres Hejduk coa súa contorna paisaxística no monte Gaiás senón que ademais fai unha chiscadela ao seu uso orixinal pois foran orixinalmente deseñadas como torres botánicas para o parque compostelán de Belvís polo arquitecto John Hejduk (Nova York, 1929-2000). Malia que non se chegaron a construír no seu emprazamento inicial, Peter Eisenman recuperou o proxecto tras a morte de Hejduk, materializando a súa construción na Cidade da Cultura.

Macarena Montesinos Fandiño

Violonchelista, artista visual e investigadora, Macarena Montesinos Fandiño (Vigo, 1982) destaca por ser unha artista fronteiriza que traballa desde a arte sonora, a performance, as artes escénicas e o audiovisual. Integrante de múltiples formacións de improvisación e música experimental, ten mais dunha ducia de discos publicados en selos europeos e americanos e realizou múltiples residencias artísticas de investigación en Galicia, España, Alemaña, Suíza e Portugal. Actualmente é investigadora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo, onde estuda a relación entre as partituras gráficas e a improvisación sonora.

Comparte