Nova: Rueda reivindica a influencia galega na formación de Picasso como artista

23/03/2023

Rueda reivindica a influencia galega na formación de Picasso como artista

Lembra que o autor realizou a súa primeira exposición na Coruña e que en Galicia comezou a escribir os seus propios textos, algo que o acabou por converter “nun galego para toda a vida”

A mostra reúne máis de 100 pezas que amosan a influencia que a comunidade tivo na traxectoria persoal e profesional do pintor

A Coruña, 23 de marzo de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a figura de Picasso como un artista de clara influencia galega durante a inauguración da exposición Picasso branco no recordo azul na Coruña, coa que o Goberno autonómico se suma á programación da Celebración Picasso 1973-2023 con motivo do 50 aniversario da morte do artista. 

O titular do Goberno galego resaltou que as máis de 100 pezas que conforman esta exposición —ilustracións, cadros ou textos— son unha boa mostra de como Galicia influíu na traxectoria persoal e profesional de Picasso. Foi na Coruña onde o autor realizou a súa primeira exposición, con tan só 13 anos, e onde comezou a escribir os seus propios textos, unha etapa que lle serviu para converterse “nun galego para toda a vida”, segundo explicou Rueda.

O presidente da Xunta animou a visitar esta exposición, pensada para dar a coñecer a vinculación e especial relación de Picasso con Galicia, e que se enmarca nas distintas actividades apoiadas ou organizadas desde a Administración para reivindicar o legado do artista. Ao abeiro desta exposición haberá encontros, conferencias, charlas, ciclos audiovisuais ou actividades educativas, centradas no pintor e os seus vínculos coa comunidade galega.

 

Comparte