Nova: A Biblioteca Pública Ánxel Casal conmemora o seu 15 aniversario tras acadar máis de 46.000 carnés de usuario e superar a barreira dos 160.000 exemplares

27/03/2023

A Biblioteca Pública Ánxel Casal conmemora o seu 15 aniversario tras acadar máis de 46.000 carnés de usuario e superar a barreira dos 160.000 exemplares

O director xeral de Cultura da Xunta presenta xunto ao director do centro, Jesús Torres, as actividades coas que mañá se vai celebrar os 15 anos de actividade

Está previsto un espectáculo musical familiar ás 18,30 horas no salón de actos con entrada libre ata completar aforo

“Nestes anos, consolidouse como referente entre os servizos culturais da cidade e un espazo plural cuxa actividade seguiremos reforzando”, explica Anxo M. Lorenzo

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe as actividades de conmemoración do 15º aniversario da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, tempo no que, como explicou, se consolidou “como un referente entre os servizos culturais da cidade” e un espazo “aberto e plural” que atende as demandas de información, cultura e lecer da cidadanía, “ao tempo que ofrece recursos culturais, informativos e tecnolóxicos de calidade, unhas actividades que desde a Xunta imos seguir reforzando”.

Acompañado polo director da biblioteca, Jesús Torres, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou que unha das principais actividades para conmemorar esta efeméride será o espectáculo musical As historias de Bemol Pequeno da man de Música miúda, dirixido a un público familiar. O espectáculo trata de resolver o misterio da música desaparecida da man da Meiga Xela, cantando co dinosauro Pepón e bailando ao ritmo da Banda do Carballo. Será o martes 28 de marzo ás 18,30 horas, no salón de actos coa entrada libre ata completar aforo.

Anxo M. Lorenzo, que animou a participar nas actividades, referiuse tamén á evolución da actividade de biblioteca. Non en balde, nestes 15 anos incrementou ata os 161.273 exemplares a súa colección de libros, revistas, audiovisuais, libros electrónicos, e videoxogos, entre outros. Ademais, conta con máis de 46.000 usuarios con carné, acolleu o ano pasado máis de 500 actividades culturais e recibiu máis de 183.600 visitantes en 2022.

Centro pioneiro

Desde a súa creación, a Biblioteca foi pioneira por poñer ao servizo dos usuarios a tecnoloxía máis novidosa no ámbito bibliotecario. Non en balde, foi unha das primeiras bibliotecas de España en prestar o servizo de autopréstamo e participou nos programas Tic-Tac e Biblioteca accesible, a través dos que obtivo 10 netbooks de uso público, equipamento informático e periféricos adaptados para que toda persoa con calquera tipo de discapacidade poida acceder aos recursos da Ánxel Casal en igualdade de condicións.

 

Comparte