Nova: A Xunta e Afundación inauguran unha exposición sobre a identidade de Lugo cun cento de obras e pezas históricas das institucións máis senlleiras da cidade
28/03/2023
A Xunta e Afundación inauguran unha exposición sobre a identidade de Lugo cun cento de obras e pezas históricas das institucións máis senlleiras da cidade
‘Lugo no tempo’ é a terceira das exposicións de ‘Cidades no tempo’, proxecto que explora a cultura urbana de Galicia e que comprende unha mostra en cada unha das sete principais urbes galegas
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destaca que a proposta permite afondar “na realidade emblemática de Lugo, da que emanan algúns dos símbolos e identidades cos que hoxe se recoñece a Galicia”
A través de obxectos simbólicos, obras de arte ou documentos históricos, a mostra comisariada por Manuel Gago amosa unha cidade que respectou as súas orixes integrándoas na modernidade
Lugo, 28 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación (Obra Social ABANCA) inauguran a mostra Lugo no tempo, que poderá visitarse na sede desta última entidade ata o 27 de maio. A que é a terceira das sete exposicións que conforman o proxecto Cidades no tempo continúa reivindicando a identidade urbana de Galicia, poñendo o foco nunha cidade que representa un dos mellores casos de convivencia entre a cultura do campo e a urbana.
Neste senso, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou no acto de inauguración que a proposta permite afondar na “realidade emblemática que ten a cidade de Lugo, da que emanan algúns dos símbolos e identidades cos que hoxe se recoñece a Galicia en todo o mundo”. Así, o titular de Cultura fixo fincapé na importancia dunha urbe “construída nun equilibrio entre a tradición e a modernidade, na que se souberon respectar as orixes incorporándoas á súa organización territorial”. “A ampla pegada galaica e romana permanece impoluta na cidade actual”, engadiu.
Pola súa parte, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, expresou a súa satisfacción por un proxecto “moi atraente para a nosa sede de Lugo”. Así, explicou que “este é un inmoble completamente integrado nun dos espazos estratéxicos da cidade, precisamente entre a Catedral e o Concello, na Praza Maior. Estamos, por tanto, nun edificio testemuñal da historia desta cidade, unha urbe fortemente caracterizada pola súa esencia romana."
No acto tamén interviron o comisario da mostra, Manuel Gago, xornalista e profesor, e a coordinadora local que asesorou no proxecto, a escritora lucense Marica Campo.
A exposición explora a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio a través de máis de 90 pezas de diferente tipoloxía que percorren a fusión da cultura do campo e a cidade e deixan constancia da influencia tanto galaica como romana en moi diferentes eidos, desde a economía ou as infraestruturas ás crenzas, o tempo de lecer ou a creación artística.
Trátase dunha escolma dos tesouros salvagardados nas institucións máis relevantes de Lugo como son, entre outras: o Museo Provincial de Lugo, o Museo Diocesano, o Arquivo Histórico Provincial, a Biblioteca Municipal ou o Círculo de las Artes de Lugo.
A proposta válese dunha combinación de materiais físicos e tecnoloxías interactivas, con planos, mapas, documentos históricos, obxectos de alta cultura e cotiáns con gran carga simbólica, obras de arte, fotografías e publicacións. A exposición percorre desde as orixes da urbe ata os grandes cambios urbanísticos de finais do século XIX e o despegue do século XX, trasladando ao visitante a espazos decisivos dunha cidade marcada pola presenza da muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Na mostra poderase escoitar, explica o comisario Manuel Gago, “a gravación en primicia da peza renacentista composta polo padre Hernando de Ojea en 1602 para acompañar o lema do Reino de Galicia, un dos primeiros precedentes do que serían tempo despois os himnos nacionais europeos”. E é que entre as pezas destacadas atopamos unha edición, neste caso de 1636, do primeiro mapa impreso de Galicia no que, ademais de incluír unha partitura agora musicada, se asocia o Sacramento lugués ao escudo galego.
O percorrido preséntanos varios obxectos que amosan a fusión de culturas, a galaica e a romana. É o caso da moeda da caetra, a primeira acuñación monetaria producida no noroeste peninsular. Está cargada de simbolismo, con Octavio Augusto por unha cara e escudos e símbolos galaicos pola outra. Tamén a cerámica, neste caso a decoración dunha crátera, deixa constancia desa cultura híbrida.
As celebracións emblemáticas da cidade tamén ocupan un lugar destacado no espazo expositivo polo que os carteis do San Froilán ao longo da historia, ou os estandartes das asociacións do Arde Lucus, contan a evolución da propia urbe e da súa sociedade.