Nova: A Xunta presenta o Plan Director do xacemento de Noville para garantir a súa conservación

30/03/2023

A Xunta presenta o Plan Director do xacemento de Noville para garantir a súa conservación

O obxectivo desta ferramenta é propoñer accións concretas para que este recurso cultural e turístico sexa visitable e comprensible por todo tipo de públicos

A redacción do plan forma parte do compromiso do Goberno galego por recuperar e poñer en valor o noso patrimonio máis antigo e súmase a actuación de investigación impulsada o pasado ano co Concello de Mugardos

Mugardos (A Coruña), 30 de marzo de 2023 A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentaron hoxe o Plan Director da vila romana de Noville, unha folla de ruta destinada a garantir a conservación deste recurso cultural e turístico do concello de Mugardos.

Tal e como explicou a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, o Goberno galego ten en marcha unha importante liña de traballo para contribuír a afondar na divulgación e recuperación da historia de Galicia ao tempo que se pon en valor e se investigan distintos xacementos da Comunidade. “O noso obxectivo é contribuír a que o noso patrimonio máis antigo continúe sendo un recurso útil a través de tarefas de estudo, mellora ou sinalización en espazos como castros, covas, petróglifos ou xacementos como o de Noville”, salientou.

Así, no marco deste compromiso, a Administración autonómica impulsou a redacción dunha folla de ruta para a vila romana de Noville que funcione como unha ferramenta estratéxica con accións concretas e ordenadas para garantir que sexa visitable de maneira permanente e que poida ser comprensible por todo tipo de públicos.  

Xeorradar en 9.400m2

Este novo plan director súmase a actuación de investigación impulsada pola Xunta de Galicia e o Concello de Mugardos co fin de obter información relevante que permita planificar con eficacia futuros traballos. Nesta ocasión explorouse unha superficie aproximada de 9.400 metros cadrados coa técnica do xeorradar, un método non destrutivo que consiste na medición desde a superficie das propiedades físico-químicos do subsolo mediante a emisión de pulsos electromagnéticos de alta frecuencia para crear un modelo dos diferentes materiais e estruturas presentes baixo o nivel do chan.

O xacemento arqueolóxico de Noville, incluído no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, sitúase na marxe sur da ría de Ferrol e no concello de Mugardos. Trátase dun xacemento de época romana de gran relevancia, xa que as últimas intervencións permitiron coñecer de forma case integra a planta dun edificio que pertenceu á zona residencial dunha vila romana marítima datada nos séculos III-IV d.C.

 

Comparte