Nova: Curtis mostra a casa e taller da pintora María Antonia Dans tras a súa rehabilitación cun investimento de 250.000€ da Xunta de Galicia
01/04/2023
Curtis mostra a casa e taller da pintora María Antonia Dans tras a súa rehabilitación cun investimento de 250.000€ da Xunta de Galicia
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, subliña que esta intervención supón recuperar unha parte do patrimonio histórico do concello e a figura da artista
A actuación enmárcase nas accións da Consellería de Cultura por conservar e divulgar o legado dos creadores galegos e descentralizar a actividade cultural estendéndoa ao rural, a través de liñas de apoio para a mellora das infraestruturas culturais
Curtis (A Coruña), 1 de abril de 2023 Curtis inaugura a casa e taller na que viviu a pintora María Antonia Dans, en Curtis, tras o proxecto cofinanciado entre o Concello e a Xunta -que inviste 250.000€- para a rehabilitación e musealización do edificio.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o alcalde Javier Caínzos, visitaron este serán a casa museo da artista coruñesa, onde puido comprobar o resultado da intervención, da que unicamente queda pendente rematar unha parte da musealización. Na súa visita, o representante da Xunta subliñou que se trata dunha actuación “de xustiza” para proxectar a figura desta artista ao tempo que reforza a aposta do Goberno galego por impulsar alternativas culturais e artísticas no rural galego.
A actuación enmárcase nas accións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades por conservar e divulgar o legado dos creadores galegos e descentralizar a actividade cultural estendéndoa ao rural, a través de liñas de apoio para a mellora das infraestruturas culturais ou para os centros museísticos e completar as coleccións bibliotecarias. Neste caso desenvólvese a través dun convenio de colaboración entre a Consellería -que achega ao redor do 56% do custo- e o Concello de Curtis.
A intervención supón a recuperación da edificación principal e da auxiliar, de modo que volvan ao seu aspecto orixinal, mantendo as características e materiais. Tamén se actúa no espazo que constituía o taller de traballo e constrúense novos volumes para dedicar a actividades artísticas.
A casa da artista foi adquirida polo seu pai nos anos 20, antes de se trasladar coa súa familia. O andar superior consta dunha gran galería de equilibradas proporcións e está soportado por columnas exentas de fundición, que permiten un retranqueo ou recuado da planta baixa, formando un pórtico con vigas de madeira. Toda esta planta está pechada cunha pequena varanda na parte baixa. Este foi o sitio onde a pintura tivo tamén o seu estudo galego.
María Antonia Dans é un referente no neoexpresionismo que destaca polas súas paisaxes nas que o rural xoga un papel fundamental e pola forza cromática dos seus lenzos. Nada na localidade de Oza dos Ríos, sendo moi nena foi levada a Curtis, onde se trasladou toda a familia por negocios paternos.
Na Coruña é onde recibe as primeiras leccións da man dunha notable debuxante, Lolita Díaz Baliño, quen a encamiña na profesión. Tras a súa voda, en 1952, trasládase a Madrid, onde vai residir xa de xeito definitivo, o que alterna con exposicións e tempadas en Galicia.
Da obra de María Antonia Dans, que acada a súa plenitude na década dos 70, chama a atención a intensidade do seu cromatismo, o puro soporte debuxístico dos seus cadros cunha elementalidade formal un tanto naif e primitiva.