Nova: Unha nova experiencia de realidade virtual na Cidade da Cultura permite ao visitante descubrir o patrimonio histórico e natural submarino de Galicia

05/04/2023

Unha nova experiencia de realidade virtual na Cidade da Cultura permite ao visitante descubrir o patrimonio histórico e natural submarino de Galicia

O ‘Galiverso somerxido’ posibilita explorar desde un batiscafo virtual os restos da batalla de Rande, pecios afundidos ou mergullarse entre peixes, golfiños e baleas

Pode visitarse no Museo Centro Gaiás de maneira gratuíta con reserva previa de praza no propio Museo e a través de Ataquilla

Un equipo de expertos multidisciplinar realizou 18 inmersións a gran profundidade para dar forma a esta nova experiencia inmersiva
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023 Coincidindo coa Semana Santa, a Xunta de Galicia renova a instalación de realidade virtual do Galiverso na Cidade da Cultura, estreada hai xa varios meses, cunha nova proposta para descubrir o patrimonio galego oculto baixo as nosas augas. O Galiverso somerxido propón ao visitante unha viaxe en batiscafo virtual desde o que vivir a experiencia de mergullarse entre peixes, baleas e golfiños, transitar entre as bateas dedicadas ao cultivo do mexillón, coñecer o ecosistema que alberga pecios como o do Achondo —un pesqueiro vasco afundido preto das Cíes— ou explorar restos arqueolóxicos de episodios históricos como a batalla de Rande.

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Manuel Vila, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, visitaron hoxe a instalación xunto á coordinadora da actividade, Fátima García Doval, e as mergulladoras da cooperativa 13graos que realizaron as gravacións submarinas coas que se deu forma a esta experiencia.

No desenvolvemento do Galiverso somerxido traballou un amplo equipo humano e técnico con persoas expertas de ámbitos tan diversos como o submarinismo, a historia da arte, a comunicación e a divulgación, a bioloxía, a arte dixital e o patrimonio. O resultado é unha travesía que difunde, a través das tecnoloxías dixitais e inmersivas, a importancia histórica, económica e medio ambiental dos nosos mares, así como a necesidade de implicar a cidadanía na súa conservación.

Tecnoloxía e arqueoloxía submarina

Para a captura das imaxes submarinas, os profesionais fixeron 18 inmersións en 12 xornadas, moitas delas en condicións de pouca visibilidade e a unha profundidade de ata 38 metros, obtendo fotogrametría de alta precisión de máis de 200 metros cadrados do fondo mariño. Ademais, deseñaron unha cámara 360º con carcasas especiais para a gravación en estéreo que permitise recrear na montaxe o efecto tridimensional da visión humana.

Desde terra, o labor consistiu en modelar e animar o comportamento, hábitat e aparencia das especies mariñas que viven nas augas galegas, creando un ecosistema virtual cun elevado grao de realismo. O equipo de Maxina foi o responsable de facer que baleas, golfiños, polbos, bosques de algas, plumas de mar e ata un cardume de 35.000 sardiñas habiten dentro do Galiverso somerxido.

No apartado arqueolóxico, especialistas do Museo do Mar de Galicia e do Museo Massó colaboraron na recreación do canón dun dos barcos afundidos na batalla naval de Rande, da ánfora que nos revela a importancia do transporte marítimo de mercadorías xa desde a época romana, ou do astrolabio co que os mariños se orientaban estudando a posición das estrelas antes de que se desenvolvesen os sistemas actuais de guiado por satélite. Grazas á realidade virtual, as persoas visitantes poden interactuar con estes tesouros recuperados dos fondos mariños e observalos ao mínimo detalle.

De balde con reserva de praza

O Galiverso somerxido pode visitarse, de maneira gratuíta, desde este mércores no Museo Centro Gaiás. A experiencia é accesible a partir dos 10 anos de idade e é necesario reservar previamente praza a través de Ataquilla e no Museo Centro Gaiás.

A sala dispón de seis cadeiras con cadanseu equipo de realidade virtual, e a exploración realízase de maneira simultánea. Unha narración —en galego, castelán ou inglés— acompaña a viaxe, ofrecendo instrucións sobre o funcionamento do batiscafo e explicacións da fauna, flora, obxectos e lugares que se poden ver no fondo mariño.

Os horarios de apertura son: martes a venres, en horario de tarde, de 16,00 a 20,00 horas, así como sábados, domingos e festivos (excepto luns), de 11,00 a 14,30 e de 16,00 a 20,00 horas.

Comparte