Nova: A Xunta convida a afondar na obra de 36 referentes da arte contemporánea na exposición ‘De lugares e cousas’ que se despide esta semana do Gaiás
11/04/2023
A Xunta convida a afondar na obra de 36 referentes da arte contemporánea na exposición ‘De lugares e cousas’ que se despide esta semana do Gaiás
Figuras como Eduardo Chillida, Antoni Tàpies, Jaume Plensa, Cristina Iglesias ou Susana Solano forman parte desta mostra que se pode visitar ata este domingo 16
Haberá tamén visitas comentadas gratuítas con reserva previa de praza, ás 17,00h todos os días da semana excepto o sábado
A mostra reúne 41 pezas de pintura, escultura, fotografía e instalacións de 36 creadores e creadoras pertencentes á colección de arte do Banco Sabadell
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2023 O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura despide este domingo 16 de abril a exposición De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell, unha mostra que percorre a evolución da arte contemporánea desde a segunda metade do século XX ata os nosos días a través de 41 obras de 36 artistas entre os que se contan algunhas das figuras máis destacadas da creación plástica do século XX en Galicia, España e Portugal.
Referentes da abstracción, o informalismo ou a arte conceptual, como Eduardo Chillida, Antoni Tàpies, Ana Jotta ou Isidoro Valcárcel Medina, comparten espazo con artistas que están a despuntar a nivel nacional e internacional como Irma Álvarez-Laviada, David Bestué, Jordi Colomer, Jaume Plensa ou Teresa Solar Abboud, entre outros. Unha mostra do traballo de tres xeracións de creadores que exploran a relación simbólica entre os obxectos e os lugares que habitamos física e espiritualmente, confrontando tamén a obra artística co lugar no que se exhibe.
A modesta cabana de La habitación de la arquitectura prohibida, de Alicia Framis, por exemplo, cuestiona a funcionalidade do espazo ao que chamamos fogar, mentres Jaume Plensa, reflexiona en We, unha figura humana composta por letras de oito alfabetos distintos, sobre a diversidade e o que nos une.
Nesta escolma teñen tamén presenza catro artistas galegos: Antón Patiño, referente da abstracción en Galicia; Manolo Paz, escultor coñecido polos seus traballos coa seriación e a xeometría; Ángela de la Cruz, artista que se move entre a pintura e a escultura, a beleza e a violencia; e Christian García Bello, creador plástico que emprega en moitas das súas obras materiais atopados e reciclados aos que dota dun novo sentido.
De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell pode visitarse no Museo Centro Gaiás de martes as domingo, en horario de 10 a 20 horas. Ademais, haberá visitas comentadas gratuítas ás 17.00 horas, todos os días da semana, excepto o sábado. Pódense reservar a través da web da Cidade da Cultura.