Nova: Román Rodríguez visita o equipo do filme Tratamos demasiado bien a las mujeres na súa rodaxe en Vilalba

12/04/2023

Román Rodríguez visita o equipo do filme Tratamos demasiado bien a las mujeres na súa rodaxe en Vilalba

A galega Ficción Producciones e a francesa Noodels Production están á fronte desta longametraxe, que se filma integramente neste concello lucense cun equipo de preto de 100 persoas no marco do fondo para a atracción de rodaxes da Xunta

O conselleiro loa o traballo do audiovisual galego “como exemplo de talento e madurez creativa que, ademais, aposta por Galicia como escenario”

Clara Bilbao debuta na dirección de longametraxes con esta película, para a que conta cun reparto coral encabezado por Carmen Machi e Antonio de la Torre e coa participación dos galegos Luis Tosar, Diego Anido, Iván Marcos ou Cris Iglesias

 

Vilalba (Lugo), 12 de abril de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu hoxe en Vilalba a unha das xornadas de traballo do equipo de Tratamos demasiado bien a las mujeres, nova longametraxe que a empresa compostelá Ficción Producións filma integramente en Galicia con subvención da Xunta a través do fondo para a atracción de rodaxes.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o conselleiro nesta visita, na que tiveron a oportunidade de intercambiar impresións sobre o avance das gravacións coa produtora executiva do filme, Mamen Quintas, a súa directora, Clara Bilbao; o guionista Miguel Barros e os seus protagonistas, Carmen Machi e Antonio de la Torre.

No set instalado na Escola Habanera de San Simón, saudaron así mesmo a parte do elenco coral que está a interpretar esta comedia negra, que conta coa participación dos galegos Luis Tosar, Diego Anido, Iván Marcos ou Cristina Iglesias, entre outros. Román Rodríguez felicitou aos profesionais e lou o traballo do audiovisual galego “como exemplo de talento e madurez creativa que, ademais, aposta por Galicia como escenario”, indicou.

Un equipo de preto de 100 persoas participa na rodaxe de Tratamos demasiado bien a las mujeres, que deu comezo a finais de marzo en Vilalba. A longametraxe, que Ficción coproduce coa compañía francesa Noodels Production, é un dos proxectos da liña de subvencións para atracción de rodaxes, con 350.000 euros, que conta tamén co apoio de TVG, RTVE e Prime Video. O concello lugués acolle todas as localizacións desta película, ambientado nos anos corenta do pasado século, que continuará co seu proceso de gravación ata mediados de maio.

Comedia negra

Clara Bilbao, recoñecida deseñadora de vestiario gañadora de tres premios Goya, debuta na realización de longametraxes con esta comedia negra, inspirada na novela On est toujours trop bon avec les femmes, do francés Raymond Queneau. Nela, Carmen Machi interpreta a Remedios Buendía, unha muller sen escrúpulos que se enfronta a grupo de maquis refuxiado nun pequeno pobo da montaña.

A protagonista demostrará ata onde é capaz de chegar para defender a súa patria e os seu valores nunha historia cun enfoque diferente, que bota man da sátira, a melancolía e o humor para abordar temas importantes de xeito desenfadado.

Comparte