Nova: Resolta a convocatoria de axudas a 184 concellos para mellorar os fondos das súas bibliotecas
14/04/2023
Resolta a convocatoria de axudas a 184 concellos para mellorar os fondos das súas bibliotecas
Inclúe axudas para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e outras para a mellora das coleccións bibliográficas
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2023 O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución da liña de axuda de 550.000 euros destinada a titulares de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que este ano reciben un total de 184 concellos.
En concreto, trátase de subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico para fomentar a edición de libros publicados en galego, así como a promoción da lectura e a mellora das coleccións e dos servizos bibliotecarios. A contía máxima da axuda que corresponde a cada concello determínase en función do número de habitantes, entre 500 e 3.500 euros.
A segunda liña destas axudas convocadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades céntrase na mellora dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia para colaborar na súa actualización e mantemento e, deste xeito, dar cumprida resposta á demanda dos usuarios, tanto público infantil como adulto.
Entre os exemplares adquiridos deberanse incorporar materiais inclusivos, tales como obras de lectura fácil, de letra grande ou outras características que faciliten a lectura por parte de persoas con discapacidade. Neste caso, a contía máxima da axuda que corresponde a cada concello determínase en función do número de habitantes, entre 800 e 5.000 euros para as que solicitaron subvención e que cumpran as condicións establecidas nas bases.
O listado completo de concellos beneficiarios en ambas liñas desta convocatoria está dispoñible no Diario Oficial de Galicia.