Nova: A produción discográfica centra as sétimas Xornadas de Industrias Musicais organizadas pola Fundación Paideia e a Xunta

14/04/2023

A produción discográfica centra as sétimas Xornadas de Industrias Musicais organizadas pola Fundación Paideia e a Xunta

Ábrese a inscrición para a primeira das sesións, que terá lugar o 19 de abril en Lugo cun relatorio sobre a fase de preprodución co produtor e músico Juan de Dios Martín e o ‘showcase’ de Helena Egea

A Coruña e O Grove acollerán en maio e xuño cadansúa sesión sobre gravación e produción con Salomé Limón, gañadora de catro Latin Grammy, e postprodución con Luis del Toro, enxeñeiro de son de coñecidos artistas internacionais

A colaboración con Paideia esténdese tamén ao concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans, que porá en marcha a súa nova convocatoria o vindeiro 18 de abril

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2023 A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza colaboran un ano máis na organización das Xornadas de Industrias Musicais, que en 2023 chegan á súa sétima edición con tres sesións dedicadas ao proceso de produción discográfica da man de primeiras figuras neste ámbito. Baixo o título A produción musical en tres pasos, os novos encontros do ciclo darán comezo o 19 de abril en Lugo para continuar en maio e xuño con outras dúas citas na Coruña e O Grove, respectivamente.

O obxectivo é promover o intercambio, o debate e a formación continua dos profesionais galegos da industria musical, ofrecéndolles ferramentas para lograr unha maior profesionalización e fornecer a súa actividade emprendedora.

Como en anos anteriores, esta liña de colaboración coa Fundación Paideia concrétase no convenio asinado coa Axencia Galega das Industrias Culturais, que se estende así mesmo á organización do concurso Sonidos Mans para o impulso de bandas emerxentes, facilitando a gravación dos grupos gañadores nos Estudios Mans e a súa actuación nalgúns dos principais festivais galegos. A nova convocatoria deste certame abrirase o vindeiro día 18 de abril a través da web www.sonidosmans.com. 

Primeira cita, en Lugo

A primeira xornada, para a que xa está aberta a inscrición gratuíta na web www.paideia.es, terá lugar o vindeiro mércores a partir das 19,00 h. no Museo Interactivo da Historia de Lugo coa intervención do recoñecido produtor e músico coruñés Juan de Dios Martín. El será o encargado de abordar a fase de preprodución, que inclúe todo o traballo previo á entrada no estudio.

Tras formar parte de bandas como Los Limones ou Deluxe, Juan de Dios Martín instalouse en Los Ángeles (EE.UU.), chegando a obter catro candidaturas aos Grammy −dous aos americanos e outros dous aos latinos− e formando parte do comité executivo da sección anxelina da Audio Enguineering Society, onde tomou a iniciativa de convertela na primeira sección bilingüe nos máis de 70 anos de historia desta asociación estadounidense. Entre outros moitos, ten sido o produtor do disco Atlántico, de Xoel López, Hacia lo salvaje, de Amaral, ou TommyBarón, de Barón Rojo. 

Artista de ‘Sonemerxente’

Nas tres sesións programadas contarase, ademais, coa presentación en directo e en formato showcase dunha banda ou artista emerxente. Así, na da semana que vén actuará Helena Egea, quen é tamén unha das participantes na nova aceleradora de música Sonemerxente, outra das iniciativas postas en marcha pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto a Paideia para impulsar as carreiras de 12 proxectos. 

A segunda das xornadas terá lugar nos Estudios Mans da Coruña o 18 de maio para afondar no proceso de gravación e no traballo de produción no estudio con Salomé Limón, gañadora de catro Latin Grammy. Produtora, compositora, enxeñeira e deseñadora de son, é a presidenta fundadora da Asociación Iberoamericana de Produtoras e Enxeñeiras de Audio e membro activo da Grammy Academy.

O ciclo pecharase o 21 de xuño na sala Frank Sin Ancla de San Vicente do Mar, no Grove, coa sesión sobre postprodución musical que impartirá o enxeñeiro de son Luis del Toro. Ao longo da súa traxectoria ten gravado, mesturado e masterizado traballos para artistas como Aitana, Ana Belén, Vetusta Morla, Chucho Valdés ou Albert Hammond.

 

Comparte