Nova: A Xunta convoca o V concurso de podcast Radio na Biblio centrado en Francisco Fernández del Riego
15/04/2023
A Xunta convoca o V concurso de podcast Radio na Biblio centrado en Francisco Fernández del Riego
Cada ano homenaxéase ao autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas
A iniciativa enmárcase no programa ‘Radio na Biblio’ das Bibliotecas Escolares, e o prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de abril
Os traballos premiados serán difundidos pola Radio Galega, que colabora no certame
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2023 A Xunta de Galicia, en colaboración coa Radio Galega, vén de convocar o V Concurso de Podcasts-Radio na biblio, que este ano se centra na figura do intelectual, escritor, activista político e cultural, articulista, editor e ensaísta Francisco Fernández del Riego. O obxectivo do certame, que cada ano homenaxea ao autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas, é estimular que o alumnado elabore produtos radiofónicos arredor desta figura e a súa traxectoria.
Así, nesta edición promóvense os traballos enfocados a salientar a valoración da lingua materna, reforzar a lectura en galego ou o achegamento ao mundo da edición e da tradución, e da importancia do activismo cultural a partir dos anos 50 do que foi protagonista, entre outros, o autor homenaxeado.
Poderán participar neste concurso os 168 centros públicos participantes no programa Radio na Biblio, da Consellería de Cultura, Educación, Formación e Universidade, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica.
O certame enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.
Consta de catro modalidades, segundo o nivel do ensino: Infantil e primeiro ciclo de Primaria, resto de Primaria, ESO e unha cuarta para Bacharelato, ensinanzas de persoas adultas ou ciclos formativos. Cada centro educativo pode presentar un máximo de tres traballos, todos eles en lingua galega, cunha duración de entre tres e cinco minutos. O arquivo sonoro, en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticieiro, un faladoiro, un recital, un debate ou un programa monográfico
O prazo para a presentación de solicitude de participación e do resto da documentación remata o 28 de abril de 2023. A documentación presentarase a través da seguinte aplicación de programas de Bibliotecas Escolares.
O xurado seleccionará dous podcasts por modalidade, que recibirán un premio de 1.000€ para melloras no laboratorio ou emisora de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. Os traballos premiados serán emitidos por esta emisora e serán difundidos a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural.