Nova: A Xunta retoma o mércores o ciclo de divulgación Ciencia parece pero non é coa incorporación de novos relatores ata o mes de xuño

16/04/2023

A Xunta retoma o mércores o ciclo de divulgación Ciencia parece pero non é coa incorporación de novos relatores ata o mes de xuño

A iniciativa, que comezou en xaneiro, volve esta semana cun programa que suma dous nomes como o teólogo Luis Santamaría e o catedrático Darío Villanueva

Esta semana participará o arqueólogo e historiador Néstor Marqués e seguiralle en maio a profesora de Psicoloxía da Universidade de Minnesota Panayiota Kendeou

Dirixidas a docentes e público xeral, celébranse na Cidade da Cultura e poden seguirse tamén vía streaming na canle de Youtube de Educación da Xunta

 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2023 A Xunta de Galicia retoma este mércores 19 o programa de fomento da cultura científica iniciado en xaneiro Ciencia parece pero non é, ao que incorpora dous novos relatores respecto ao programa inicial, o teólogo Luis Santamaría e o catedrático Darío Villanueva. Súmanse á lista de recoñecidos divulgadores que achegan claves sobre diferentes aspectos da ciencia e a tecnoloxía de xeito entretido a través de charlas dirixidas a todos os públicos, especialmente do eido educativo, para estimular o pensamento crítico.

A primeira das charlas desta segunda quenda será este mércores 19 a cargo do arqueólogo e historiador Néstor Marqués. Destacado divulgador cun papel moi activo a través das redes sociais, desenvolveu as súas investigacións en diversos campos do coñecemento do mundo antigo e tamén traballa para achegar coñecemento teórico e práctico nos campos da difusión cultural e a tecnoloxía aplicada ao patrimonio. Falará da longa tradición das fake news.

En maio, o día 11, a profesora de Psicoloxía da Universidade de Minnesota Panayiota Kendeou, experta en desinformación, falará da importancia de educar no pensamento científico nas escolas desde Educación Infantil e primeiros cursos de Primaria. O día 24 será a quenda do teólogo e Máster en Ciencias das Relixións Luis Santamaría del Río, que impartirá o relatorio Segue habendo sectas? As novas caras dun fenómeno crecente, que afondará nos perigos da persuasión coercitiva e como funcionan na actualidade.

Clausura en xuño

O ciclo rematará o 1 de xuño coa participación do catedrático Darío Villanueva, exreitor da Universidade de Santiago e expresidente da Real Academia Española. Realizará un achegamento á investigación e reflexión sobre pensamento crítico, razón e fenómenos de manipulación a través do uso da linguaxe no seu relatorio Imposturas intelectuais e atropelo á razón.

O ciclo Ciencia parece pero non é está dirixido a docentes e público en xeral. As charlas, de asistencia libre ata completar aforo, celebraranse no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Tamén se poderán seguir vía streaming no perfil de Youtube de Educación da Xunta de Galicia. Este ciclo de charlas completaranse cunha publicación que recollerá diversos aspectos destacados dos relatorios e que será distribuída nos centros educativos e bibliotecas de Galicia e estará aberta ao público na Libraría Institucional da Xunta de cara a finais de curso.

 

 

DATA

RELATOR

19 de xaneiro

Helena Matute: Nesgos cognitivos en humanos e intelixencias artificiais

25 de xaneiro

Ramón Nogueras: Que facer cando os marcianos non veñen salvarte

2 de febreiro

José Ramón Alonso: A importancia de divulgar ciencia

2 de marzo

Fernando Blanco Bregón: É máis crible a prensa científica que o telediario? Bulos, esaxeracións e desinformación nas noticias científicas

15 de marzo

Joaquín Sevilla Moróder e Juan I. Pérez Iglesias: Os males da (divulgación) da ciencia acrítica.

19 de abril

Néstor Marqués: Fake news da antiga Roma

11 de maio

Panayiota Kendeou: Misinformation, disinformation and fake news

24 de maio Luis Santamaría del Río: Segue habendo sectas? As novas caras dun fenómeno crecente
1 de xuño Darío Villanueva: Imposturas intelectuais e atropelo á razón

Comparte