Nova: Fin da mostra itinerante do Premio Galicia de Fotografía

01/04/2015

Fin da mostra itinerante do Premio Galicia de Fotografía

‘Posesións para un esquecemento', de Daniel Díaz Trigo, percorreu distintas salas da comunidade

  • Posesións para un esquecemento Posesións para un esquecemento, de Daniel Díaz Trigo
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na rolda de prensa ca exposición I Premio Galicia de Fotografías O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na rolda de prensa ca exposición I Premio Galicia de Fotografías

Santiago, 1 de abril de 2015.-  A itinerancia da exposición que recompila as obras gañadoras do I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea pechouse hoxe. Este certame viu a luz ao abeiro do Festival Outono Fotográfico, promovido pola Fundación Benito Losada, e que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O proxecto gañador da primeira edición do certame foi ‘Posesións para un esquecemento’ de Daniel Díaz Trigo. A exposición do I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, composta por 31 obras, divídese en catro capítulos nas que Díaz Trigo recolle espazos significativos da Terra Chá, construíndo a historia recente desta comarca lucense a través dunha recompilación de lembranzas que combinan fotografía, debuxo e pintura.

Na rolda de prensa de clausura, o secretario xeral de Cultura,  Anxo Lorenzo, valorou “a capacidade desta iniciativa para contribuír á visibilización dos autores e á difusión pública dos proxectos premiados” e animou a cidadanía de Vigo a achegarse a coñecer estas novas propostas fotográficas de linguaxe visual contemporánea.

Ademais do secretario xeral de Cultura participaron na rolda de prensa Paloma Vela, responsable de Artes Plásticas de AFundación, Rita Ibarretxe, coordinadora do Outono Fotográfico en Vigo, Daniel Díaz Trigo, autor premiado, e Vítor Nieves, coordinador do premio.

Promover novas creacións
Co obxectivo de situar a Galicia no circuíto internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe contemporánea, o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que tamén conta co apoio da Deputación Provincial de Lugo, galardoa propostas de carácter visual-fotográficas realizadas por parte de autoras e de autores de calquera nacionalidade.

Na segunda edición do certame resultaron gañadores Berto Macei e Jose Romay. O premio, dotado con 16.000 euros, destínase á produción da exposición temporal itinerante coas obras gañadoras e á súa publicación nos libros que hoxe se presentaron na Galería PhotoArt de Ourense.

Comparte