Nova: A Xunta inicia a celebración do Día do Libro coa apertura da primeira feira do calendario en Ferrol

21/04/2023

A Xunta inicia a celebración do Día do Libro coa apertura da primeira feira do calendario en Ferrol

O conselleiro Román Rodríguez asiste á apertura do circuíto que este ano chegará a 14 localidades en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia

A cita reunirá ata o domingo na praza da Constitución a unha trintena de autores con actividades como sinaturas de libros, presentacións ou obradoiros

O responsable autonómico de Cultura fai un chamamento para “gozar dun dos piares da nosa cultura” e lembra que “todo é posible cando nos poñemos a ler”, tal como se recolle na campaña institucional lanzada hoxe pola Xunta de Galicia

O Consello da Xunta aprobou o Plan de impulso ao libro galego, que prevé 11 novas iniciativas e 3M€ de investimento

Ferrol, 21 de abril de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da XXXIII Feira do Libro de Ferrol, primeira parada do circuíto que este ano chegará a 14 localidades galegas froito da colaboración da Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia. A inauguración desta cita encádrase no Día Internacional do Libro, que se celebra este domingo día 23.  

“As feiras do libro son o mellor punto de encontro entre os apaixonados da literatura e quen a traballa profesionalmente, xa sexan escritores ou editoriais”, afirmou o responsable autonómico de Cultura antes de engadir que a praza da Constitución será ata o domingo un punto central para “todos aqueles que viven a literatura” e o escaparate “por excelencia do sector editorial”.  

O conselleiro referiuse ao sector do libro “como un dos piares da cultura galega” e animou a todas as administracións e sectores da sociedade a “reforzar a súa dimensión e a fomentar o hábito lector desde todas as perspectivas”. “Tal e como di a campaña institucional lanzada pola Xunta de Galicia hoxe, todo é posible cando nos poñemos a ler. Por iso animo a toda a cidadanía a que, sexa cal sexa a súa motivación, aposten por mercar e gozar dos libros”, afirmou.  

Neste senso, Román Rodríguez lembrou que o Consello da Xunta aprobou onte a posta en marcha do Plan de impulso ao libro galego, incluído no Plan Xeración Cultura e que conta cun investimento de 3M€ e 11 novas medidas que permitirán adaptarse á transformación dixital, adecuarse ás novas realidades de consumo e crear e fidelizar lectores. 

A Feira do Libro de Ferrol estará instalada na praza da Constitución ata o domingo e reunirá a unha trintena de autores con actividades como sinaturas de libros, presentacións ou obradoiros. Ademais, tamén participan as librarías Pedreira, Cortizas, Estraviz, Edicións Embora, Central Librera Real e Metrópolis Comics.  

Calendario ata agosto

A inauguración desta cita encádrase nos actos do Día Internacional do Libro e é a primeira parada das Feiras do Libro 2023, organizadas e impulsadas pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da Xunta. Así, tras Ferrol, en maio celebrarase en Santiago de Compostela (do 29 de abril ao 7 de maio), O Porriño (do 11 ao 14) e Lugo (do 16 ao 20). Posteriormente haberá paradas en Vilalba (do 2 ao 4 de xuño), Ourense (do 7 ao 10 de xuño), Redondela (do 15 ao 18 de xuño), Vigo (do 23 ao 29 de xuño), Ponteareas (do 13 ao 16 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto o circuíto chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e Monforte de Lemos (do 23 ao 26).

Ademais, co gallo desta efeméride, a Xunta de Galicia programa estes días ao redor dunha quincena de actividades para promover hábitos de lectura entre todos os públicos tanto nas bibliotecas públicas de xestión autonómica como no novo servizo de bibliotecas móbiles A furgoteca. Estas actividades, entre as que se inclúen coloquios, presentacións, contacontos, mostras, obradoiros ou representacións teatrais, poden consultarse na web de Cultura de Galicia.

 

Comparte