Nova: Román Rodríguez reivindica o carácter internacional e contemporáneo da obra de Colmeiro a través dunha mostra no Museo do Gravado de Artes, en Ribeira

21/04/2023

Román Rodríguez reivindica o carácter internacional e contemporáneo da obra de Colmeiro a través dunha mostra no Museo do Gravado de Artes, en Ribeira

O conselleiro de Cultura participa na inauguración da exposición de gravados do artista silledense, que itinerará a Vigo e á Casa de Galicia en Nova York

Ribeira (A Coruña), 21 de abril de 2023 Baixo o título Colmeiro. Punta seca, o Museo do Gravado de Artes, en Ribeira, acolle unha mostra con obras do artista silledense centrado na súa faceta de gravador, en cuxa inauguración esta tarde participou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. 

Na súa intervención, o titular de Cultura da Xunta de Galicia reivindicou o carácter “internacional, cosmopolita e contemporáneo” de Manuel Colmeiro, un dos artistas galegos máis representativos de comezos do século XX. Román Rodríguez agradeceu ao Museo do Gravado de Artes a organización desta mostra que descubre “unha faceta menos coñecida da súa creación como son os gravados á punta seca”.  

Segundo sinalou o conselleiro, esta exposición “é un acto de xustiza” que complementa a visión pictórica de Galicia que o pintor plasmou na súa obra, a través da cal “foi quen de xuntar as correntes da visión cosmopolita coa nostalxia da terra e o rural galego, cun especial protagonismo para a figura da muller”.

A mostra, que pode visitarse ata o día 30 de xuño, está composta por 48 pezas orixinais do artista, algunhas delas que se expoñen por primeira vez ao público. Posteriormente itinerará a Vigo e á Casa de Galicia en Nova York.

Comparte