Nova: Resolta a convocatoria do programa de dinamización da lectura Ler conta moito, que chegará este ano a 225 bibliotecas municipais de 183 concellos
22/04/2023
Resolta a convocatoria do programa de dinamización da lectura Ler conta moito, que chegará este ano a 225 bibliotecas municipais de 183 concellos
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a relación de municipios onde se celebrarán as actividades de fomento da lectura, que poderán realizarse ata o 25 de outubro
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da convocatoria do programa de dinamización da lectura Ler conta moito, que este ano chegará a un total de 225 bibliotecas municipais de 183 concellos de toda Galicia.
Trátase dunha iniciativa que, cun investimento de preto de 200.000 euros, permite favorecer hábitos lectores a través de actividades que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios. Ao abeiro desta iniciativa, estes centros poderán programar as actividades previstas no catálogo ata o 25 de outubro. Inclúense desde obradoiros creativos, actividades de narración oral, contacontos, lecturas en voz alta, recitais, regueifas ou similares.
O programa Ler Conta Moito 2023 abrangue, ademais, outro tipo de accións como exposicións ou actividades de divulgación literaria como encontros con autores, clubs de lectura, charlas sobre temas de interese social ou mesmo propostas audiovisuais ou dixitais como proxeccións, ciclos de cine ou creación de contidos dixitais, entre outros.