Nova: O Museo de Belas Artes estrea un ciclo de conferencias sobre a mostra ‘Picasso branco no recordo azul’

25/04/2023

O Museo de Belas Artes estrea un ciclo de conferencias sobre a mostra ‘Picasso branco no recordo azul’

A iniciativa ‘Primeiros trazos de Picasso’ comeza mañá co relatorio de Rocío Robles, doutora en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid



A actividade forma parte do programa deseñado pola Xunta de Galicia no marco da conmemoración do 50 aniversario da morte do artista

 

  • Concerto extraordinario Concerto extraordinario

A Coruña, 24 de abril de 2023 O Museo de Belas Artes da Coruña inaugura mañá o ciclo Primeiros trazos de Picasso no marco do 50 aniversario da súa morte. Trátase dun programa de conferencias que forma parte das actividades deseñadas pola Xunta de Galicia arredor da mostra Picasso branco no recordo azul que se pode visitar no museo coruñés ata o 25 de xuño.

O primeiro dos relatorios será mañá ás 20,00 horas con Guernica de Picasso, impartido por Rocío Robles, doutora en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid. Durante a súa intervención, explicará o paradóxico binomio da mobilidade do lenzo e a permanencia da obra como imaxe e valor simbólico da guerra na obra do artista.

Así, a Xunta continúa conmemorando a efeméride cun ciclo de conferencias de entrada libre ata completar aforo que se alongará ata xuño e no que participarán especialistas de recoñecido prestixio, tanto nacionais como internacionais, que veñen dedicándose desde fai anos ao análise e o estudo da traxectoria artística e vital do pintor malagueño.

 

O 10 de maio será a quenda de Pepe Karmel, profesor de Historia da Arte na Universidade de Nova York, co relatorio Picasso: cubismo e máis aló, a quen seguirá o escritor e crítico de arte que ten desempeñado distintos postos como director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ou o Instituto Cervantes, Juan Manuel Bonet, coa conferencia Picasso. Do simbolismo a vangarda: os anos de Mortmartre. Para finalizar este ciclo, Malén Gual, unha das comisarias da mostra Picasso Branco no recordo azul, ofrecerá o día 14 de xuño o relatorio Lola, a gardiá do tesouro sobre a o papel fundamental que xogou a irmá do artista, como modelo feminino, nos seus anos xuvenís.

Homenaxe musical

A programación posta en marcha pola Consellería de Cultura no Museo de Belas Artes tamén inclúe o concerto gratuíto no que se interpretará Pierrot Lunaire de Arnold Schönber, en colaboración co festival Resis. Esta homenaxe musical á iconografía picassiana do Pierrot será o sábado 29 de abril a partir das 20,00 horas coa interpretación do quinteto Plural Ensemble e dirixido por Fabián Panisello. Para asistir é preciso recoller invitación previa na recepción do Museo a partir do 25 de abril as 10,00 horas.

 

Obradoiros xuvenís e en familia

Ademais destas iniciativas, a Xunta ten en marcha no Museo de Belas Artes da Coruña un amplo abano de actividades complementarias deseñadas para afondar na obra de Picasso e que inclúen propostas familiares, talleres xuvenís ou visitas guiadas. Toda a programación está dispoñible na web do museo e para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico a actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal.

 

A mostra Picasso no branco azul repasa a pegada galega na traxectoria de Pablo Picasso. É a única exposición da nosa Comunidade no marco da programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsado polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.

Conmemoracións oficiais

O 8 de abril de 2023 cumpriuse o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.

Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

 

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.

 

O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.

Comparte