Nova: O ciclo de Concertos Didácticos de Órgano de Celanova reúne arredor de 1.300 estudantes ata xuño

26/04/2023

O ciclo de Concertos Didácticos de Órgano de Celanova reúne arredor de 1.300 estudantes ata xuño

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste ao concerto ofrecido polo alumnado do Colexio Laureano Prieto da Gudiña no marco desta iniciativa

A actividade, na que participan unha trintena de centros, conta co apoio da Xunta de Galicia para achegar o patrimonio musical á comunidade educativa

Celanova, 26 de abril do 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe en Celanova ao concerto ofrecido polo alumnado do Colexio Laureano Prieto da Gudiña no marco do ciclo de Concertos Didácticos de Órgano que celebra a súa duodécima edición ata o 6 de xuño na igrexa de San Salvador.

Esta iniciativa, na que participan unha trintena de centros, conta co apoio da Xunta de Galicia para achegar o patrimonio musical á comunidade educativa. Así, está previsto que ata o remate do ciclo en xuño participen na actividade arredor de 1.300 estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato.

Dirixido por Marisol Mendive, profesora de órgano do Conservatorio de Música de Ourense, o ciclo ofrece ao alumnado a posibilidade de tocar cun instrumento centenario, recibir leccións de historia, aprender sobre arte ou participar en clases maxistrais de música.

En concreto, os centros que participan na edición deste ano son: os institutos de Celanova, de Beade (Vigo), de Viladonga (Sanxenxo), Laxeiro (Lalín), de Vilamarín, Aquis Querquennis (Bande), Val Miñor (Nigrán), Lagoa de Antela (Xinzo de Limia), A Paralaia (Moaña), Ribeira de Louro (Porriño), Terras de Tasancos (Narón), de Monelos (A Coruña), Laureano Prieto (A Gudiña), Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), As Braxas (Moaña), Monte Carrasco (Cangas), Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), O Castro (Vigo), Camilo José Cela (Padrón), Coruxo (Vigo), Salvaterra (Miño), Santa Irene (Vigo), A Cachada (Boiro) e Xunqueira II (Pontevedra).

Ademais, tamén estarán os colexios Divina Pastora (O Barco de Valdeorras), Sagrado Corazón (Celanova), José García de Mende (Ourense), Pablo VI Fátima (Ourense), A Cañiza e Curros Enríquez (Celanova).

 

Comparte