Nova: Román Rodríguez anima a “mercar libros e gozar da lectura” na Feira do Libro de Santiago que reunirá máis dun centenar de autores ata o 7 de maio

29/04/2023

Román Rodríguez anima a “mercar libros e gozar da lectura” na Feira do Libro de Santiago que reunirá máis dun centenar de autores ata o 7 de maio

O conselleiro Román Rodríguez participa na apertura desta cita no circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia na Alameda compostelá



Participan nove librarías e dúas editoriais e están previstas 75 sinaturas de exemplares, unha vintena de presentacións de novidades e iniciativas lúdicas

Durante todo este ano está en marcha a campaña de fomento da lectura co lema ‘Todo é posible cando nos poñemos a ler’ para fidelizar e gañar novos lectores

 

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na apertura da Feira do Libro de Santiago, segunda parada do circuíto que este ano chegará a 14 localidades galegas froito da colaboración da Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia. O responsable de Cultura do Goberno autonómico animou a “mercar da libros e gozar da lectura” a través dunha cita que permitirá “atraer ao maior número posible de afeccionados á lectura, tanto lectores ávidos como esporádicos”, expresou.

 

Román Rodríguez gabou, ademais, o labor dos libreiros e editores por levar a cabo ano a ano estas feiras “por toda a xeografía galega” contribuíndo, dixo, a impulsar os hábitos lectores de Galicia. Referiuse ao sector do libro como “un dos piares da cultura galega” que conta cunha nova folla de ruta en marcha, o Plan de impulso ao libro galego que o Consello da Xunta aprobou este mes con 3M€ con medidas dirixidas á creación, impulso á edición e distribución, proxección exterior, difusión e apoio a bibliotecas públicas.

 

O conselleiro referiuse, ademais, á posta en marcha da campaña institucional lanzada pola Xunta de Galicia que, baixo o lema Todo é posible cando nos poñemos a ler está presente durante todo este ano para fomentar entre toda a cidadanía a que, sexa cal sexa a súa motivación, aposten por mercar e gozar dos libros coa intención de fidelizar lectores e gañar outros novos.

 

Once expositores

A Feira do Libro de Santiago, cuxa apertura contou co pregón a cargo do escritor e poeta Ismael Ramos, está instalada na Alameda ata o 7 de maio e reunirá 126 autores nos nove días de feira, cunha media dunha quincena de autores por día, con actividades como sinaturas de libros, presentacións ou obradoiros. En concreto, están previstas 75 sinaturas, cinco actividades para público infantil, 17 presentacións de novidades, seis faladoiros así como iniciativas lúdicas e musicais. Consta de 11 expositores coa presenza de dúas editoriais (Boadicea Editora e Editorial Galaxia) e nove librarías (Pedreira, Cortizas, El faro de los tres mundos, Agrasar, A Gata Tola, Aenea, Ler Librerías, Ben e Cartabón).

 

A feira chega a Santiago tras o seu paso por Ferrol. O calendario continuará ata agosto de xeito que, tras Compostela, a vindeira cita será no Porriño (do 11 ao 14 de maio) e Lugo (do 16 ao 20 de maio). Posteriormente haberá paradas en Vilalba (do 2 ao 4 de xuño), Ourense (do 7 ao 10 de xuño), Redondela (do 15 ao 18 de xuño), Vigo (do 23 ao 29 de xuño), Ponteareas (do 13 ao 16 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto o circuíto chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e Monforte de Lemos (do 23 ao 26).

Comparte