Nova: O ciclo da Xunta Cultura no Camiño esténdese este verán a 92 concellos das rutas xacobeas
03/05/2023
O ciclo da Xunta Cultura no Camiño esténdese este verán a 92 concellos das rutas xacobeas
Publícase a adxudicación desta liña de subvencións a entidades locais, dotada con 250.000 euros para programar espectáculos profesionais galegos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xuño e o 31 de agosto
A 11ª edición insírese no Plan Xeración Cultura co dobre obxectivo de contribuír á dinamización e descentralización cultural, así como á contratación de formacións artísticas profesionais con sede en Galicia
Santiago de Compostela, 3 de maio 2023 A Xunta de Galicia acaba de publicar a adxudicación das subvencións do seu circuíto Cultura no Camiño, ao abeiro do que este ano distribúe 250.000 euros entre 92 concellos da diferentes rutas xacobeas para a programación de espectáculos galegos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xuño e o 31 de agosto. Por provincias, 31 destes municipios atópanse na da Coruña, 22 na de Lugo, 13 na de Ourense e 26 na de Pontevedra.
Esta 11ª edición do programa insírese no Plan Xeración Cultura, a través do que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a desenvolver unha batería de 57 accións. En concreto, as redes de distribución de artes escénicas e musicais promovidas pola Xunta intégranse no primeiro dos cinco eixes do plan baixo o epígrafe “Acceso universal á cultura”.
No caso de Cultura no Camiño, o seu orzamento destínase integramente a cofinanciar a contratación de actuacións de teatro, música, danza, circo e maxia, en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes do concello adxudicatario. A Xunta asume ata o 50% do custo dos espectáculos en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha contía máxima de 2500 euros por adxudicación, e ata o 40% nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3500 euros por axuda.
Configuración das carteleiras
De acordo con estas premisas, os responsables da programación cultural dos 92 concellos subvencionados en 2023 ultiman nestes momentos a carteleira que desenvolverán este verán ao abeiro do circuíto. Contan para este xestión coa plataforma galescena.gal, desde a que teñen acceso ao catálogo dos espectáculos que se inscribiron nesta 11ª edición a partir dunha convocatoria pública para compañías escénicas e grupos de música profesionais con sede en Galicia.
Cultura no Camiño mantén como prioridade a dinamización cultural das localidades polas que discorren os camiños de Santiago ao seu paso por Galicia, focalizada nos meses de maior afluencia tanto de peregrinos como de visitantes. Ao tempo, contribúese á descentralización da oferta cultural galega e favorécese a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional.