Nova: A Xunta felicita a organización da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas no seu 40º aniversario
05/05/2023
A Xunta felicita a organización da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas no seu 40º aniversario
Cangas (Pontevedra), 5 de maio de 2023 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación en Cangas da 40ª edición da Mostra de Teatro Cómico e Festivo, que do 25 de xuño ao 8 de xullo desenvolverá unha intensa carteleira de teatro, danza, coloquios, presentacións, performances e exposicións.
O representante da Xunta de Galicia felicitou a organización do certame cangués por estas catro décadas de traxectoria, así como pola programación deste ano, que inclúe cinco estreas absolutas de compañías galegas, catro estreas en Galicia e tres coproducións. O actor Lois Soaxe será o encargado do pregón inaugural desta edición, na que se lle entregará o Premio Xiria ao Labor Teatral a Tanxarina Títeres, compañía galega que tamén celebra este ano o seu 40º aniversario. Ademais, o Centro Dramático Galego (CDG) e a Asociación Profesional DramaturGA volven colaborar coa mostra na organización do Torneo de Dramaturxia de Galicia.