Nova: A Xunta e Galaxia inauguran en Lourenzá a exposición ao redor das Letras Galegas "Francisco Fernández del Riego. Cos ollos de espírito"
10/05/2023
A Xunta e Galaxia inauguran en Lourenzá a exposición ao redor das Letras Galegas "Francisco Fernández del Riego. Cos ollos de espírito"
O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Cultura participan na apertura da mostra para festexar o 60 aniversario desta efeméride
Percorre a vida e obra do autor laurentino e continuará a súa itinerancia por Vigo e Santiago de Compostela
Vilanova de Lourenzá (Lugo), 10 de maio de 2023
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron este serán na inauguración da exposición Francisco Fernández del Riego. Cos ollos de espírito, impulsada pola Xunta de Galicia e producida por Editorial Galaxia coa colaboración da Fundación Penzol e a Real Academia Galega para dar a coñecer a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2023.
Un acto no que os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixeron deixar constancia un ano máis do compromiso da Xunta coa celebración dunha data tan sinalada para “celebrar a lingua galega e a persoeiros que tanto fixeron por ela, como é o caso de don Paco, un dos promotores das Letras Galegas, ademais de co-fundador de Editorial Galaxia, co-fundador da revista Grial e director da Fundación Penzol, da que tamén se conmemora o 60 aniversario”.
No Museo de Arte Sacro de Lourenzá, que acollerá a exposición durante os próximos meses, tamén participaron Malós Cabrera, comisaria da exposición; Xosé Soutullo, conselleiro da Editorial Galaxia e director da Fundación Penzol, Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entre outras autoridades.
Esta exposición enmárcase na programación de máis dun centenar de accións que o Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con numerosas empresas, entidades, administracións locais e editoriais, impulsan para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas e homenaxear a Francisco Fernández del Riego.
Repaso pola vida e obra do autor
Francisco Fernández del Riego. Cos ollos de espírito repasa a traxectoria vital e profesional do autor homenaxeado, permitíndolle ao visitante asistir a un percorrido rigoroso e ameno para comprender quen foi, que legado nos deixou e o que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura nos tempos recentes.
A mostra, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva, consta de 14 paneis informativos e didácticos e mesas-vitrina con material gráfico e documental pertencente a Del Riego. Tras o seu paso por Lourenzá, continuará a súa itinerancia ata finais de ano por Vigo e Santiago de Compostela.