Nova: A Xunta licita a renovación da cuberta da igrexa de San Salvador no concello da Lama con case 75.000€
11/05/2023
A Xunta licita a renovación da cuberta da igrexa de San Salvador no concello da Lama con case 75.000€
O obxectivo da actuación é, nun prazo de dous meses, resolver as patoloxías máis urxentes do edificio para garantir o uso cultural que ten na actualidade
A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación a renovación da cuberta da igrexa de San Salvador no concello pontevedrés da Lama cunha achega de case 75.000€. O inicio do proceso administrativo para contratar esta obra publicouse hoxe na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.
O obxectivo desta actuación é resolver as patoloxías máis urxentes do edificio provocados polo paso do tempo e garantir o uso cultural que ten o inmoble na actualidade. Para iso, o proxecto inclúe a reparación dos danos na cuberta mediante a retirada da tella existente e dos materiais que compoñen os encoros para, posteriormente, retirar as placas de fibrocemento que estean danadas ou en mal estado.
A continuación, a cuberta cubrirase con novas placas, impermeabilizante e láminas asfálticas. A actuación completarase coa instalación de nova tella e a renovación do sistema de evacuación de augas con canalóns e baixantes de zinc.
Para levar a cabo estes traballos a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Tui-Vigo para poñer a disposición do Goberno galego os terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación.