Nova: O circuíto das Feiras do Libro de Galicia chega hoxe ao Porriño con máis dunha trintena de autores
11/05/2023
O circuíto das Feiras do Libro de Galicia chega hoxe ao Porriño con máis dunha trintena de autores
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na apertura desta iniciativa impulsada pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia no barrio de San Bieito
Participan seis librarías e están previstas 30 sinaturas de exemplares, preto dunha decena de presentacións de novidades e distintas actividades ata o 14 de maio
Durante todo este ano está en marcha a campaña de fomento da lectura co lema ‘Todo é posible cando nos poñemos a ler’ para fidelizar e gañar novos lectores
O Porriño, 11 de maio de 2023
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da Feira do Libro do Porriño, terceira parada do circuíto que este ano chegará a 14 localidades galegas froito da colaboración da Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades animou a participar durante os vindeiros días para “seguir apoiando aos libreiros e tamén aos creadores galegos”.
Neste sentido, salientou o papel “estratéxico” das feiras do libro que se enmarcan na folla de ruta da Xunta por acompañar aos profesionais deste sector que, desde hai unhas semanas contan cunha nova ferramenta ao seu alcance para “gañar e fidelizar lectores e apoiar á industria literaria”. Trátase do Plan de impulso ao libro galego que, recén aprobado polo Consello da Xunta con 3 M€, inclúe medidas consolidadas ás que se suman 11 novas iniciativas que permitirán adaptarse á transformación dixital, adecuarse ás novas realidades do consumo e crear e fidelizar lectores".
Calendario ata agosto
A Feira do Libro do Porriño sitúase no barrio de San Bieito con seis librerías. Ata o 14 de maio organizaranse distintas actividades entre as que destaca a presenza de 32 autores e ilustradores que asinarán as súas obras, unha decena de accións para o público infantil, sete presentacións de novidades, actuacións musicais e un recital poético.
A feira chega ao Porriño tras o seu paso por Santiago e Ferrol. O calendario continuará ata agosto de xeito que, tras esta, a vindeira cita será en Lugo (do 16 ao 20 de maio). Posteriormente haberá paradas en Vilalba (do 2 ao 4 de xuño), Ourense (do 7 ao 10 de xuño), Redondela (do 15 ao 18 de xuño), Vigo (do 23 ao 29 de xuño), Ponteareas (do 13 ao 16 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto o circuíto chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e Monforte de Lemos (do 23 ao 26).