Nova: A Xunta completará a rehabilitación da casa natal de Otero Pedrayo cun proxecto que recuperará os valores culturais dos xardíns exteriores do Pazo
11/05/2023
A Xunta completará a rehabilitación da casa natal de Otero Pedrayo cun proxecto que recuperará os valores culturais dos xardíns exteriores do Pazo
- O Consello da Xunta autoriza a sinatura dun convenio coa Fundación Otero Pedrayo por 80.000 euros para repoñer o deseño que ideara o autor no seu momento
- Actuarase nas áreas máis deterioradas reconstruíndo o viñedo, xardín romántico e recuperando a pérgola histórica para integralo na experiencia de visita
- Acométese así unha segunda fase tras os traballos realizados en 2020 no pazo de Trasalba en Amoeiro
O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración coa Fundación Otero Pedrayo pola que o Goberno autonómico completará a rehabilitación da casa natal do autor, o Pazo de Trasalba, a través dun proxecto que recuperará os valores culturais do seu exterior. En concreto, reporase o deseño dos xardíns como no seu día concibira o propio escritor coa intención de integralos na experiencia de visita e solucionar varios problemas estruturais da contorna.
Para estas actuacións, o Goberno autonómico achegará 80.000 euros. Co fin de conservar os valores de uso, elementos paisaxísticos e botánicos do exterior do inmoble coa intención de axudar aos visitantes a interpretar a vida e a inspiración que Otero Pedrayo atopou nesta paraxe.
As actuacións desenvolveranse en 2023 e 2024 no viñedo, xardín romántico, patio central, souto, horta de froiteiras e árbores patrimoniais así como recuperar a pérgola histórica, todos eles elementos que ata o de agora están en malas condicións. Estas actuacións culminan as accións levadas a cabo nos últimos anos e que elevan a 130.000€ o investimento realizado para o mantemento deste edificio. De feito, no 2020 asinárase un convenio coa devandita Fundación por 50.000€ para reparar a cuberta do edificio, mellorar o sistema de abastecemento de auga e as condicións de calefacción, así como actuar no mirador e porche.
Plan Xeración Cultura
Ademais, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades colabora anualmente cunha achega económica de 23.000€ para mantemento das dependencias da Casa Grande de Cima de Vila (gastos de mantemento e persoal) e para a actividade cultural da Festa Literaria do Premio Trasalba. Esta segunda fase intégrase no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta para acompañar ao sector cultural cunha batería de medidas que centra un dos seus cinco eixos de actuación na conservación do legado patrimonial a través de distintas actuacións como a que é obxecto do presente convenio.
Amplo legado do autor ourensán
O Pazo Museo de Otero Pedrayo está situado no lugar de Cima de Vila, na parroquia de Trasalba do Concello de Amoeiro, Ourense. Neste lugar a Fundación Otero Pedrayo garda a memoria do que foi patriarca das Letras Galegas. Na visita ao museo pódense contemplar obxectos persoais do escritor, mobiliario e a súa biblioteca, así como a estrutura tradicional dun pazo galego de principios do século XX. Os fondos están conformados a partires do legado que fixo en vida Ramón Otero Pedrayo a Galaxia das propiedades en Trasalba, incluíndo o pazo e as propiedades anexas.
O Pazo de Trasalba deixa así testemuña do amplo legado de Ramón Otero Pedrayo (Ourense 1888 -1976), personaxe principal na vida cultural e política galega durante toda a súa vida adulta. Escritor, profesor, político e editor formou parte de grandes iniciativas institucionais para o desenvolvemento cultural galego como o Partido Galeguista, o Seminario de Estudios Galegos -que este ano cumpre o seu centenario- ou a Editorial Galaxia, institucións que aínda hoxe son referentes de traballo e coñecemento.