Nova: A Xunta crea o Observatorio da Literatura Infantil e Xuvenil Iberoamericana, que converterá Galicia en centro internacional de referencia no seu estudo
11/05/2023
A Xunta crea o Observatorio da Literatura Infantil e Xuvenil Iberoamericana, que converterá Galicia en centro internacional de referencia no seu estudo
- É a primeira medida do recén aprobado Plan de impulso ao libro galego e se porá en marcha en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix)
- Nace para ampliar a proxección exterior da produción galega e tecer redes de traballo coas literaturas de distintos países instalando a súa sede na Cidade da Cultura
- Tamén fomentará o estudo e investigación deste tipo de literatura e establecerá colaboracións cos centros da Organización Internacional para el Libro Juvenil
O Consello da Xunta autorizou a posta en marcha do novo Observatorio da Literatura Infantil e Xuvenil Iberoamericana, unha acción impulsada en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) que converterá Galicia en centro internacional de referencia deste xénero literario e impulsará o seu estudo e investigación. É a primeira medida do recén aprobado Plan de impulso ao libro galego cunha batería de accións para reforzar a proxección da creación literaria galega.
O observatorio xurde coa intención de tecer redes de traballo coas literaturas doutros países para ampliar a proxección exterior da produción galega e ampliar o seu estudo. Porá o foco na literatura dirixida a público infantil e tamén á mocidade entendendo baixo este concepto todo o relacionado coa creación e produción, tanto no referente aos textos como ás ilustracións tradicionais e imaxes gráficas. Afondará no libro impreso e nos novos formatos presentes e futuros da Península Ibérica e todos os estados iberoamericados e EEUU.
Terá a súa sede na Cidade da Cultura de Galicia e realizará un traballo de análise da situación da literatura infantil e xuvenil iberoamericana, fomentando o seu estudo e investigación. Recollerá e clasificará os fondos actuais depositados na Cidade da Cultura coa intención de ampliar futuras achegas iberoamericanas e tamén fomentará o intercambio cultural, para o que, entre outras actividades, prevese a realización do I Encontro Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil Iberoamericana en Galicia.
Neste sentido, o Observatorio establecerá tamén relacións e colaboracións con todos os centros iberoamericanos da Organización Internacional para el Libro Juvenil e coa sección de España, onde están integradas as catro seccións territoriais representantes das linguas oficiais españolas. A intención é crear unha rede de traballo común e establecer sinerxías coas distintas literaturas latinoamericanas.
Libro galego
O Observatorio é unha medida xurdida no proceso participativo aberto no 2022 pola Xunta de Galicia para que a cidadanía, sector, institucións e administracións públicas presentasen propostas susceptibles de ser incluídas nun PERTE cultural a nivel estatal.
Ao non ter prosperado o PERTE cultural por parte do Goberno central, a Xunta recuperou varias das propostas xurdidas en dito proceso para poder poñelas en marcha este ano. Deste xeito, o Observatorio intégrase como unha das medidas do Plan de impulso ao libro galego aprobado hai unhas semanas no Consello da Xunta para crear e fidelizar lectores e adaptarse á transformación dixital. Este Plan conta cun investimento de 3M€ e inclúe medidas consolidadas e novas como este Observatorio de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia, España e Iberoamérica que se materializará grazas a un convenio con Gálix por 45.000 euros.
O Plan de impulso ao libro galego forma parte do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta posta en marcha este ano por 34 M€ que reforza con novas iniciativas o momento de creación e expansion do sector xultural galego e xunta esforzos desde a colaboración público-privada para a xeración de riqueza.
Con todas estas accións preténdese dar resposta aos desafíos do libro galego coa intención de que as familias, os centros educativos e as administracións públicas coordinen liñas de actuación para que a lectura e os libros formen parte das ferramentas e das capacidades básicas da sociedade galega.