Nova: O Museo de Artes de Ribeira inaugura, co apoio da Xunta, unha mostra dos artistas Manuel Ayaso e Alfonso Costa na que recrean os estilos de Picasso

12/05/2023

O Museo de Artes de Ribeira inaugura, co apoio da Xunta, unha mostra dos artistas Manuel Ayaso e Alfonso Costa na que recrean os estilos de Picasso

O director xeral de Cultura participa na apertura da exposición destes creadores do Barbanza polo 50 aniversario do pasamento do pintor malagueño

Anxo M. Lorenzo gaba a vinculación do Museo de Artes con Picasso e a súa contribución con varias pezas á exposición ‘Picasso, branco no recordo azul’

Ribeira (A Coruña), 12 de maio de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración dunha mostra dos artistas barbanzanos Manuel Ayaso e Alfonso Costa no Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital co gallo do 50 aniversario do pasamento de Picasso, que conta co apoio da Xunta de Galicia.

A mostra, que estará aberta ata xuño, forma parte do programa cultural específico deseñado por este museo en homenaxe ao artista malagueño. Nesta ocasión, Ayaso e Costa, a través das súas obras, recrean temas e estilos picassianos como a tauromaquia, o cubismo, o Guernica ou o circo, entre outros. 

O representante da Consellería de Cultura gabou o labor do Museo de Artes e a súa relación coa figura de Picasso. Non en balde, este centro custodia distintas obras do artista, algunhas das cales foron aportadas para Picasso, branco no recordo azul, a gran exposición coa que a Xunta reivindica a pegada galega na traxectoria do artista, que se pode visitar no Museo de Belas Artes da Coruña.

A primeira das actividades en torno ao artista malagueño arrancou cunha primeira mostra, Gravados ao linóleo de Pablo Picasso, que estivo aberta ao público ata finais de abril. Posteriormente, xa en outubro, haberá unha terceira mostra de linogravados así como obradoiros específicos.

 

Comparte