Nova: Galicia celebra o Día das Letras Galegas no marco da Feira do Libro de Bos Aires
14/05/2023
Galicia celebra o Día das Letras Galegas no marco da Feira do Libro de Bos Aires
O Goberno galego colabora con preto dunha trintena de entidades galegas da capital porteña para a celebración desta efeméride que terá como acto central unha conferencia impartida polo escritor Luís González Tosar
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2023 Galicia celebrará o Día das Letras Galegas en Bos Aires no marco da Feira Internacional do Libro que se está levando a cabo coa participación institucional da Xunta de Galicia e a presenza de distintos escritores galegos. Neste senso, un total de 27 entidades galegas da capital porteña organizan conxuntamente, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, esta efeméride que terá como acto central unha conferencia impartida polo escritor Luis González Tosar.
Así, o vindeiro venres 18 de maio, baixo o título Fernández del Riego en Buenos Aires, 1954, o autor repasará o paso do homenaxeado nas Letras Galegas deste ano por Arxentina e a pegada que isto deixou na súa traxectoria persoal e profesional. A cita, que terá lugar no Centro Galicia de Buenos Aires, contará tamén coa participación da Orquestra de Cámara da Federación de Asociacións Galegas e o Conxunto de Gaitas e Percusión das Institucións Galegas.
Estes actos culminan así unhas semanas de intensa actividade nas que a Xunta de Galicia, ao abeiro da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, impulsou unha vintena de actividades para afondar na difusión da cultura e o libro a través de actividades como talleres de ilustración e de conversa, obradoiros de microrrelato, lecturas ou presentacións e coloquios.
Para iso, o Goberno galego contou cun stand propio con máis de 250 publicacións e a presenza de distintos profesionais do sector editorial como os escritores Malores Villanueva, unha das maiores estudosas de Francisco Fernández del Riego; Ulises Bértolo, académico de número na Academia Xacobea; Arantza Portabales, que acaba de ser recoñecida co Premio á mellor novela europea traducida do Casino de Santiago; o ilustrador Alberto Guitián, colaborador de revistas de humor que imparte clases maxistrais de cómica e ilustración, e o poeta Luis González Tosar, presidente do Centro Pen Galicia.