Nova: A Xunta convida a festexar a primavera correndo a Holi Gaiás o sábado 3 de xuño na Cidade da Cultura

15/05/2023

A Xunta convida a festexar a primavera correndo a Holi Gaiás o sábado 3 de xuño na Cidade da Cultura

Xa están abertas as inscricións na web da Federación Galega de Atletismo
 

A proba, que vai pola súa quinta edición e gozou de gran éxito nos anos anteriores, comeza ás 12,00 horas da mañá cun percorrido de cinco quilómetros
 

A iniciativa conta co patrocinio de Viaqua e a colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023 A Cidade da Cultura volve acoller o sábado 3 de xuño a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa quinta edición. A proba terá lugar nos exteriores do Gaiás a partir das 12,00 horas da mañá e contará cun percorrido de cinco quilómetros nos que non faltará a tradicional poeira de cores coa que se identifica esta proposta lúdica e deportiva.

A carreira celébrase co obxectivo de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben durante o percorrido e no fin de festa, no que haberá música e moita cor. Aínda que o máis importante non é a competición, si haberá premios nas catro categorías de infantil e persoas adultas, divididas en masculina e feminina cada unha, para as mellores clasificacións.

A proba está organizada pola Xunta a través da Cidade da Cultura e patrocinada por Viaqua, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis. Está aberta a todo tipo de persoas, tanto federadas como non federadas, e a idade mínima para participar é a das persoas nadas antes do 31 de decembro de 2013. 

Información práctica

As inscricións poden realizarse a través da páxina da Federación Galega de Atletismo, cun custo de 5 euros por dorsal.O prazo para apuntarse remata o 31 de maio e a recollida de dorsais realizarase na propia Cidade da Cultura durante o venres 2 de xuño e o mesmo día da carreira ata as 11,00 horas. Toda a información sobre as bases, o seu regulamento e a inscrición atópanse na páxina web da Cidade da Cultura.

Comparte