Nova: A Xunta comeza esta semana a restauración do ciborio e fachada sur da catedral de San Martiño de Ourense
23/05/2023
A Xunta comeza esta semana a restauración do ciborio e fachada sur da catedral de San Martiño de Ourense
A empresa Obras Gallaecia, gañou o contrato por máis de 570.000€ para garantir a protección e conservación deste Ben de Interese Cultural
A actuación terá unha duración aproximada de cinco meses e permitirá eliminar as filtracións de auga no ciborio e frear o proceso de arenización na fachada
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2023 A Xunta de Galicia comeza esta semana as obras de restauración do ciborio e fachada sur da catedral de San Martiño de Ourense. O contrato, adxudicado á empresa Obras Gallaecia por máis de 570.000€ busca garantir a protección e conservación deste Ben de Interese Cultural.
A actuación, que se pon en marcha coas primeiras tarefas de andamiaxe tras asinarse a acta de replanteo, conta cunha duración aproximada de cinco meses e permitirán, entre outros aspectos, mellorar as condicións de conservación da fachada e eliminar as filtracións de auga que afectan á zona do ciborio e que están a provocar problemas de arenización na pedra e aumento da presencia de sales. Ademais, tamén se mellorará o sistema de evacuación de augas pluviais e de ventilación e se solucionarán os problemas de estanquidade nas fábricas.
En concreto, na zona do ciborio substituirase a cobertura de baldosín por unha cuberta de zinc e proxectarase un novo acceso para o mantemento. Tamén está previsto cambiar o sistema de evacuación de augas pluviais por outro que teña carácter contínuo e unitario que evite as filtracións e realizar traballos complementarios nas cazoletas e conducións interiores ata as gárgolas.
Co fin de resolver os problemas de humidade e garantir unha mellor ventilación, propóñese, entre outras medidas, a impermeabilización no paso de ronda, a limpeza das fábricas e a substitución das carpinterías. O proxecto complétase coa eliminación do sistema antipaxaros existente e coa restauración da crestería, cordón trenzado, baquetóns dos ocos e demais elementos singulares.
No tocante á fachada sur, os traballos céntranse en limpar de conolonizacións biolóxicas e sucidade a pedra e en cambiar os rexuntados de morteiro de cemento por uns de cal. Igualmente, actuarase nos beirís, cornixas e cubertas para minizar o impacto da auga na fachada e mellorarase a carpintaría da vidrera do rosetón. Por último, os traballos contemplan a restauración da porta de madeira fachada, das portadas románicas, do torreón, dos vítores e dos elementos escultóricos do tellado.