Nova: A Xunta programa unha trintena de actividades para celebrar o Día dos Arquivos
06/06/2023
A Xunta programa unha trintena de actividades para celebrar o Día dos Arquivos
Inclúense visitas teatralizadas e xornadas de portas abertas, dúas novas exposicións, obradoiros, conferencias e propostas musicais nos cinco arquivos que xestiona
Santiago de Compostela, 6 de xuño do 2023 A Xunta de Galicia programa preto dunha trintena de actividades para todos os públicos para celebrar o Día Internacional dos Arquivos, que se conmemora o venres 9 de xuño, coa intención de achegar o seu traballo á cidadanía. Tanto esta semana como a próxima incluiranse xornadas de portas abertas, visitas guiadas -algunhas delas teatralizadas-, obradoiros, conferencias, actividades musicais e didácticas. As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades poderán poñerse en contacto con cada un dos arquivos-
Arquivo do Reino de Galicia
Así, no Arquivo do Reino de Galicia, na cidade da Coruña, desde o día 8 ao 12 de xuño realizaranse visitas guiadas ás instalacións e poranse a disposición do público novos documentos manuscritos de Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro que forman parte do fondo documental e bibliográfico da Familia Carré Aldao e Carré Alvarellos.
Arquivo Histórico Provincial de Lugo
En Lugo, no Arquivo Histórico Provincial organízase a semana de portas abertas para visitantes desde hoxe ata o 9 de xuño, o que permitirá coñecer os fondos que custodia. Tamén se celebrará unha charla sobre o valor dos aperos como determinantes da propiedade e das ferrerías, impartida por Estefanía Iglesias, profesional que fixo a súa tese sobre as Ferrerías do Mosteiro de Samos. Ademais, pode visitarse a exposición de fotografías de José Luis de Vega dos anos 1970 a 1975.
Arquivo Histórico Provincial de Ourense
En Ourense, durante esta semana celebraranse visitas teatralizadas sobre a orde dos franciscanos e a súa presenza na cidade de Ourense conectando o patrimonio documental que custodia o Arquivo co edificio do convento desa orde que actualmente é a súa sede. Ademais, o día 9 de xuño celebrarase un obradoiro para adultos de caligrafía medieval, a preparación artesanal de tintes e pergameos.
Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra
No Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra inaugurarase o día 9 de xuño a exposición A arquitectura da auga, que virá acompañada da conferencia da doutora Elvira Lindoso Tato sobre construcións relacionadas coa auga como balnearios, muíños, lavadoiros...
Arquivo de Galicia
Finalmente, no Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura de Galicia, inaugurarase o venres 9 a exposición De comerciantes e banqueiros. Orixes da banca en Galicia, que se achega o fenómeno da actividade bancaria na Comunidade nunha época de profundas transformacións entre as que destaca o inicio do movemento emigratorio a grande escala a mediados do século XIX. Empregaranse fondos documentais da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela, do Banco Sáenz-Olimpio Pérez e o da Casa de Banco e Comercio Bengoechea, de Ribadeo. Poderá visitarse ata o 15 de outubro e haberá visitas guiadas.
Ademais, celebrará a semana de portas abertas desde o 12 ao 16 de xuño, que inclúe a explicación das funcións realizadas polo centro cun percorrido polas súas instalacións e unha visita guiada ás exposicións abertas.