Nova: Os ‘Mércores de varanda’ celebran desde o balcón do salón teatro os concertos de catro artistas da aceleradora musical ‘Sonemerxente’
06/06/2023
Os ‘Mércores de varanda’ celebran desde o balcón do salón teatro os concertos de catro artistas da aceleradora musical ‘Sonemerxente’
A proposta ecléctica de Adrian Timms abre mañá ás 21,00 h un cartel de recitais de rúa que tamén levará á fachada da sede do Centro Dramático Galego a hydn, Helena Egea e Law os días 14, 21 e 28 deste mes
Estas actuacións en Santiago de Compostela enmárcanse dentro do apartado de contacto co público do programa de impulso de proxectos musicais organizado pola Xunta e a Fundación Paideia
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023 O balcón do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá ao longo do mes de xuño e dentro do ciclo Mércores de varanda a actuación de catro artistas integrados no programa Sonemerxente, aceleradora de proxectos musicais organizada pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia. O proxecto de Adrian Timms, baseado nunha actualización do concepto de home orquestra mesturando ao vivo diferentes capas de instrumentos tecnolóxicos, abrirá a serie de concertos mañá mércores ás 21,00 h.
A segunda actuación desde a fachada da sede do Centro Dramático Galego cara á rúa correrá a cargo de hydn, que actuará o mércores 14 de xuño. A hibridación de xéneros é o que define a proposta desta artista, considerada precursora do galenglish ao conectar palabras, sonoridades e texturas en ambas as dúas linguas. O público que se congregue na céntrica rúa Nova para escoitar a proposta de hydn atoparase tamén coa experimentación de multitude de estilos, entre os que destacan o dark pop electrónico e o dark RnB.
O terceiro artista do cartel de Mércores de varanda integrado en Sonemerxente, aceleradora da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Fundación Paideia para o impulso de novos proxectos musicais, será Helena Egea. A cantante e compositora multiinstrumentista ofrecerá un repertorio no que combinará composicións propias con versións en galego, castelán e inglés de clásicos de diferentes xéneros. Deste xeito, dende o balcón do Salón Teatro soarán o vindeiro mércores 21 de xuño partituras procedentes do soul, do jazz, do rock ou do blues.
A clausura da programación Mércores de varanda chegará o día 28 da man de Law, artista galega multidicisciplinar que enceta as influencias do hip hop, do soul ou do funk con reminiscencias da lírica xaponesa. O seu repertorio caracterízase polo equilibrio entre a música urbana cun toque desenfado e as liñas vocais con letras complexas e máis coidadas. Co seu estilo, Law procura sinalar as desigualdades do mundo ao tempo que desentraña o seu propio.
Unha decena de propostas
A aceleradora de proxectos musicais Sonemerxente está a impulsar na actualidade as propostas de 10 bandas e artistas que foron seleccionados para participar nesta iniciativa da Xunta de Galicia que xestiona a Fundación Paideia Galiza e que conta co financiamento dos fondos NextGeneration da Unión Europea dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Ademais dos nomes que conforman o cartel do Mércores de Varanda, a listaxe de Sonemerxente tamén inclúe a artista Ani Baires, a banda Moito!, o proxecto multidicisciplinar Mondra, o dúo Paraíso Canto, a formación de música de cámara Samudra Trío e o trío compostelán de folk tribal Zeltia Irevire.
O conxunto de participantes en Sonemerxente está a vivir unha experiencia de impulso e dinamización estruturada en dúas etapas. A primeira delas, céntrase en sesións individuais e colectivas de mentorización ao redor de asuntos capitais como son a produción, promoción ou modelo de negocios. A segunda parte, no que se sitúa a Mércores de varanda, dedícase á participación dos artistas en circuítos de concertos, festivais, encontros con medios ou a asistencia a mercados profesionais, tanto dentro como fóra de Galicia.
O ciclo musical Mércores de varanda, que se leva a cabo coa colaboración técnica por parte do Centro Dramático Galego, retoma deste xeito o seu encontro co público despois de que en 2020 servise para celebrar o centenario do Salón Teatro poñendo en valor o elemento un elemento tan identificado co edificio como é o seu balcón de forxa no número 34 da rúa Nova compostelá.