Nova: O Teatre Nacional de Catalunya estrea en Barcelona unha coprodución do CDG
08/04/2015
O Teatre Nacional de Catalunya estrea en Barcelona unha coprodución do CDG
O galego Dani Salgado dirixe ‘Ganes d’udolar’ tomando como referentes o texto ‘Hipatia’ de Alfonso Pexegueiro, a obra de Narcís Comadira e a filmografía de Jean-Luc Godard
A proposta poderá verse en catalán ata o día 12 da Sala Tallers do TNC e en versión galega (‘Ganas de ouvear’) do 23 ao 26 de abril no Salón Teatro de Santiago
Santiago, 8 de abril de 2015.- A Sala Tallers do Teatre Nacional de Catalunya (TNC) acolle mañá xoves 9 de abril a estrea de ‘Ganes d’udolar’, espectáculo coproducido entre a compañía pública catalá e o Centro Dramático Galego (CDG) con dirección escénica do ourensán Dani Salgado.
A montaxe, que ofrecerá en Barcelona catro funcións ata o domingo 12 de abril e visitará despois Santiago de Compostela, é o resultado da dramaturxia asinada por Salgado xunto a Joan Giralt, realizada a partir dun traballo de fin de carreira que ambos os dous asumen como titores nas escolas de arte dramática nas que imparten clases: ESAD e Institut del Teatre.
Este proxecto, que se basea no texto ‘Hipatia’ do poeta galego Alfonso Pexegueiro, provoca en principio un forte rexeitamento en Salgado pola súa natureza poética, mais non pode renunciar ao traballo. Por outra banda, Giralt prepara un curso de ferramentas didácticas aplicadas a textos poéticos, tomando como referentes tanto a obra do autor catalán Narcís Comadira como a filmografía de Jean-Luc Godard.
Ao longo de ‘Ganes d’udolar’ vese como evoluciona a preparación do curso, así como o proxecto ‘Hipatia’. Os dous traballos permitirán que os profesores se confronten coa súa función como docentes e coa maneira na que contemplan tanto a poesía como a arte do teatro.
Giralt e Salgado asumen tamén os labores de interpretación nun espazo escénico creado por Laura Iturralde e Montse Piñeiro, deseñadoras así mesmo da iluminación, o vestiario, a liña gráfica e a videocreación que se exhibe no escenario. A compañía galega Catrocadeiras é a encargada de xestionar a produción.
‘Ganas de ouvear’ no Salón Teatro
Despois da súa estrea en idioma catalán, o espectáculo viaxará a Galicia para desenvolver outros catro pases en versión galega. Deste xeito, ‘Ganas de ouvear’ representarase do xoves 23 ao domingo 26 de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela (días 23, 24 e 25 ás 20:30 horas e día 26 ás 18:00 horas).
A iniciativa insírese na liña de traballo do CDG destinada a promover e fortalecer iniciativas que axuden ao teatro privado, ademais de avanzar na dinámica de colaboración con estruturas teatrais homólogas do ámbito nacional e internacional.