Nova: A XI edición do Festival de narración oral Atlántica arranca o 1 de xullo co apoio da Xunta en espazos patrimoniais de 24 concellos do rural galego

13/06/2023

A XI edición do Festival de narración oral Atlántica arranca o 1 de xullo co apoio da Xunta en espazos patrimoniais de 24 concellos do rural galego

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da XI edición do Festival Atlática, a cita internacional de narración oral que se celebrará entre o 1 e o 9 de xullo e que conta co apoio da Xunta de Galicia. Como cada ano, as funcións desenvolveranse en lugares ao aire libre e de especial interese patrimonial de 24 localidades de toda Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou á organización “por ter convertido nos seus máis de dez anos de vida esta cita en todo un referente da narración oral e internacionalizando esta tradición”. Destacou, ademais, a capacidade de Atlántica por “descentralizar a actividade cultural galega achegando propostas ao rural con iniciativas para todos os públicos” e amosou a satisfacción da Xunta por “colaborar e facer posible un mar de contos por toda Galicia”.
 
Na presentación tamén participou a directora do festival, Soledad Felloza, así como representantes institucionais e das diferentes localidades onde se realiza a programación. En total celebraranse 42 espectáculos que chegarán a 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas e representaranse máis de 80 funcións.  

Concellos participantes

Este ano participan en Atlántica os concellos da Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Ferrol, Mondoñedo, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, A Pobra de Trives, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a devandita sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.

Ademais, os contos do festival volverán soar en lugares emblemáticos do patrimonio galego: o Castelo de Castrodouro en Alfoz, o Centro de Interpretación de Cadoval en Mugardos, o Pazo de Goiáns de Boiro ou nos castros de Castrolandín en Cuntis ou de Viladonga en Castro de Rei, entre outros. Tamén en lugares tradicionais de traballo, como a eira de Traxeito en Dodro, os lavadoiros de Penisqueira en Ribeira e o de Bendimón en Outes, a Carpintería de Ribeira en Broña así como carballeiras, campos da festa ou muíños. A programación está dispoñible na web do festival.

Comparte