Nova: A Xunta e a nova dirección de Culturgal celebran a primeira reunión cara ao apoio para a celebración da 16ª edición da feira
13/06/2023
A Xunta e a nova dirección de Culturgal celebran a primeira reunión cara ao apoio para a celebración da 16ª edición da feira
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuníronse hoxe co presidente da asociación Culturgal, Víctor López, e mais co novo director da feira, Camilo Franco, para abordar as liñas mestras e primeiros eixes de traballo sobre os que xirará a 16ª edición do evento, que se celebrará en Pontevedra no mes de novembro.
Na xuntanza, confirmouse que Culturgal contará, un ano máis, co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para continuar a configurar unha feira das industrias culturais que sirva de referencia e encontro para todo o sector e tamén para o público. Para eses obxectivos aplicarase o proxecto presentado por Camilo Franco e seleccionado pola directiva do colectivo que integran a Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).