Nova: A Xunta programa máis de 300 actuacións artísticas en 88 concellos Xacobeos en Cultura no Camiño
14/06/2023
A Xunta programa máis de 300 actuacións artísticas en 88 concellos Xacobeos en Cultura no Camiño
Román Rodríguez define esta carteleira como un dos mellores escaparates da nosa cultura e agradece a colaboración das localidades participantes
A Consellería de Cultura ofrece ata o 31 de agosto os concertos e as funcións escénicas de 150 artistas, bandas e compañías neste circuíto de exhibición
O concerto de Silvia Penide en Culleredo e a peza de danza ‘Ópera Break’s’ en Vilagarcía de Arousa inauguran mañá a 11ª edición, enmarcada no Plan Xeración Cultura co obxectivo de contribuír á descentralización cultural
Nomes da música como A Banda da Loba, Paco Nogueiras, Leilía ou Festicultores forman parte dunha ampla oferta que inclúe artistas escénicos do talle de Teatro Ghazafelhos, Vero Rilo, o Mago Teto ou Ibuprofeno Teatro
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023 A Xunta abre mañá unha nova edición do circuíto de exhibición de espectáculos Cultura no Camiño para ofrecer 302 actuacións artísticas en 88 municipios polos que transcorren as diferentes Rutas Xacobeas. Organizada e cofinanciada xunto cos concellos participantes, a programación estenderase ata o 31 de agosto e abrangue as propostas de circo, danza, música e teatro a cargo de 150 artistas e grupos galegos.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, cualificou esta programación de “fórmula inigualable” para propiciar “un dos programas máis atractivos e renovadores do panorama galego” e “un dos mellores escaparates tanto da nosa cultura como dos reclamos naturais que inclúe o propio Camiño de Santiago”.
Para o representante do Goberno galego, as cifras de Cultura no Camiño neste 2023 amosan a excelencia e o talento galego no ámbito da produción de espectáculos versátiles e dirixidos a público marcadamente familiar, ao tempo que destacou que permitirá mobilizar medio millón de euros en contratacións artísticas. Neste sentido, agradeceu a contribución dos concellos implicados na cofinanciación deste programa dinamización dos municipios galegos vencellados aos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago no marco do Plan Xeración Cultura 23.
Danza na primeira cita
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o conselleiro na presentación de Cultura no Camiño celebrada esta mañá no Parque do Lago da Cidade da Cultura no que tamén participaron o xerente de Pistacatro, José Expósito, e a responsable de distribución de Culturactiva, Érika Pereiro. O acto concluíu coa actuación da formación Vella Escola, que representou un fragmento da súa peza de danza Ópera Break’s.
Precisamente este espectáculo, que percorrerá mañá a partir das 20,20 h as rúas de Vilagarcía de Arousa, será unha das dúas actuacións coas que dará comezo o cartel de Cultura no Camiño neste 2023. A outra celebrarase no auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de Culleredo ás 20,30 h e correrá a cargo da cantante Silvia Penide, que ofrecerá un concerto baixo o título Feminino Plural. Homenaxe ás mulleres autoras.
Con estas dúas citas, abrirase a programación da 11º edición de Cultura no Camiño, que distribuirá as súas 302 actuacións polas catro provincias: A Coruña, con 89 actuacións en 30 concellos; Pontevedra, con 99 actuacións en 26 municipios; Lugo, con 72 funcións e concertos en 26 concellos; e Ourense, con 42 funcións en 12 localidades.
Da maxia á narración oral
O ciclo Cultura no Camiño supera este ano as 300 actuacións, das cales 90 corresponden a concertos que ofrecerán artistas como A Banda da Loba, Paco Nogueiras, Odaiko, Habelas Hainas, Festicultores ou Leilía, formación histórica que se está a despedir dos escenarios tras 34 anos de traxectoria. Os espectáculos de maxia, que representan 46 funcións, correrán a cargo dalgúns dos nomes máis destacados desta disciplina en Galicia como son o Mago Teto ou Mago Antón.
O novo circo, que acapara 66 citas do cartel, estará presente no cartel de Cultura no Camiño da man de formacións como son a propia Pistacatro, Isla Letriska, Circo Chosco ou Peter Punk Pallaso. Tanxarina, Ibuprofeno Teatro, Teatro Ghazafelhos ou a narradora oral Vero Rilo serán algúns dos artistas e compañías que ofrecerán os 93 espectáculos escénicas que se desenvolverán no marco deste ciclo da Xunta. O groso das citas celebraranse en agosto, mes no que están previstas máis de 150 funcións.