Nova: A Xunta crea co CSIC un laboratorio de Literatura Infantil e Xuvenil que impulsará o achegamento da ciencia á mocidade e ás familias a través dos libros

15/06/2023

A Xunta crea co CSIC un laboratorio de Literatura Infantil e Xuvenil que impulsará o achegamento da ciencia á mocidade e ás familias a través dos libros

— É unha das medidas incluídas no Plan de impulso ao libro galego aprobado hai unhas semanas cunha batería de accións consolidadas e novas para crear e fidelizar lectores e adaptarse á transformación dixital

— Crearanse obras literarias e recursos de calidade coa ciencia galega como protagonista grazas ao traballo conxunto do sector do libro e os profesionais científicos

— Aplicaranse metodoloxías innovadoras que inclúen residencias literarias en centros de investigación nas que os escritores traballen en contacto co persoal científico

O Consello da Xunta autorizou a posta en marcha dun Laboratorio de literatura infantil e xuvenil, unha acción en colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) coa que se impulsará o achegamento da ciencia á mocidade, as familias e á comunidade educativa a través da literatura. Trátase dunha das medidas do recentemente aprobado Plan de impulso ao libro galego, un dos seis plans previstos no Plan Xeración Cultura para reforzar con novas iniciativas o momento de creación e expansión do sector cultural galego e xuntar esforzos público-privados.

 

Cun orzamento de 75.322 euros, o laboratorio estará composto por profesionais do sector do libro e da ciencia e serán elixidos polo CSIC e a Xunta, que tamén terán representación no laboratorio. Para a súa posta en marcha aplicaranse metodoloxías de traballo innovadoras entre axentes do sector do libro e a comunidade científica que permitirán poñer en valor o coñecemento científico a través da literatura infantil e xuvenil.

 

De feito, entre as accións previstas inclúese a posta en marcha de equipos mixtos de creación (con profesionais de investigación e do mundo do libro) a partir dos que se organizarán futuras estadías creativas e residencias literarias. Serán en centros de investigación onde axentes do mundo editorial traballarán en contacto co persoal científico sobre un tema determinado. A partir dese traballo crearase unha obra literaria e, posteriormente, unha colección de literatura infantil e xuvenil.

 

Baixo o nome de Laboratorio de literatura infantil e xuvenil, tamén está prevista a posta en marcha de xornadas específicas para divulgar este traballo con programación de actividades que dean visibilidade á ciencia que se fai en Galicia.

 

Libro galego

O Laboratorio é unha medida xurdida no proceso participativo aberto no 2022 pola Xunta de Galicia para que a cidadanía, sector, institucións e administracións públicas presentasen propostas susceptibles de ser incluídas nun PERTE cultural a nivel estatal.

 

Ao non ter prosperado o PERTE cultural por parte do Goberno central, a Xunta está a recuperar varias das propostas xurdidas en dito proceso para poñelas en marcha dentro do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta para o sector cultural dotada de 34M€. Nel intégranse seis plans sectoriais, como o Plan de impulso ao libro galego tamén aprobado xa cun investimento de 3M€. O obxectivo neste caso é dar resposta aos desafíos do libro galego coa intención de que as familias, os centros educativos e as administracións públicas coordinen liñas de actuación para que a lectura e os libros formen parte das ferramentas e das capacidades básicas da sociedade.

Comparte